A Pedreira celebrará dúas xornadas de Festa da Lingua para sementar futuro

Pontevedra
13 de maio 2024

Durante o venres 17 e o sábado 18 haberá unha ruada coa banda de gaitas Polavila, concertos de Os Vacalouras e Catuxa Salom, xogos populares, unha actividade de libros viaxeiros e unha actuación do paiaso Peter Punk.  Os actos finalizarán cun xantar popular na rúa Serra para o que preciso inscribirse previamente

Correlingua 2023
Correlingua 2023 / Mónica Patxot

A Asociación Cultural A Pedreira, coa colaboración do Concello de Pontevedra, organiza para o venres 17 e o sábado 18 diversas actividades coa finalidade da fomentar a lingua, principalmente entre público infantil e adolescente.

Xiana Rodríguez, Roi Redondo e Borxa Mexuto, representantes do colectivo, presentaban este luns xunto ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, as propostas lúdico e culturais da Festa da Lingua para estes dous días.

As actividades comezarán o venres 17 ás 20.30 horas na praza da Peregrina cunha ruada lúdico reivindicativa polas rúas de Pontevedra coa participación da banda de gaitas Polavila.

A continuación, xa na praza da Pedreira, comezarán os concertos de Os Vacalouras, con rock irreverente, e de Catuxa Salom, que fusiona raíz galega e de América do Sur.

Na xornada do domingo van desenvolverse actividades familiares e infantís na Rúa Serra, nos arredores do local social, con xogos populares a cargo de Sororas a partir das 11.00 horas.

Tamén vai poñerse en marcha unha actividade denominada "libros viaxeiros", onde a intención é liberar libros polas rúas para que as persoas os recollan e poidan trasladalos a outras vilas e cidades. A idea é que a través dunha páxina web se poida ver cara onde viaxou o libro pasando de man en man.

Ás 12.00 horas actuará o paiaso Peter Punk co espectáculo 'Peor impossível' para despois dar paso á foliada coa banda de gaitas Foula. Todas estas propostas son gratuítas e abertas ao público.

Como fin de festa haberá un xantar popular para o que é preciso inscribirse no correo [email protected] ou no teléfono 601.981.288. 

Os prezos desta comida son de 15 euros para persoas a partir de 17 anos; 10 euros para adolescentes e gratuíto para público infantil.

O menú contará con varios petiscos, empanada de polbo e ensaladilla rusa, raxo de porco ao forno con mollo de mazá, e biscoitos variados de sobremesa. Tamén haberá un menú para persoas veganas.

Este xantar popular contou con máis dun cento de participantes na edición de 2023.

Roi Redondo invitaba á participación da cidadanía nestas actividades para fomentar a transmisión da lingua, coidala e defendela para que "leve a mil primaveras máis", seguindo o lema da Festa: "sementando futuro".