Máis dun cento de músicos soben coa Aula de Música Tradicional do campus ao escenario do Mundial Multisport

Pontevedra
24 de xuño 2025

Sumáronse a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas, a Escola de Música e Baile Tradicional de Outes e as asociacións A Fuliada de Betanzos e Hai que Roelo de Cuntis

Actuación da Aula de Música Tradicional do campus
Actuación da Aula de Música Tradicional do campus / DUVI

A Aula de Música Tradicional do campus de Pontevedra sumouse á programación cultural do Mundial Multisport cunha serie de actuacións polas diferentes prazas da cidade durante o mes de xuño. 

O ciclo de actuacións tivo como colofón un concerto con máis dun centenar de músicos sobre o escenario na praza de España celebrado este luns 23.

Os máis de 40 participantes desta aula estiveron acompañados por outras catro agrupacións, reunindo máis dun centenar de músicos sobre o escenario para interpretar un repertorio conformado por pezas tradicionais e populares.

Sumáronse integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, da Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes e das asociacións A Fuliada de Betanzos e Hai que Roelo de Cuntis.

Ao concerto asistiron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e a tenente de alcalde, Eva Villaverde.

Con este ciclo de actuacións buscouse achegar á cidadanía os resultados do traballo desenvolvido ao longo do curso, así como a dar visibilidade ás diferentes aulas e grupos inseridos na programación cultural de carácter permanente do campus.

O primeiro concerto levou ao grupo de gaitas e percusión á praza de Verdura.

O segundo contou coa participación do obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego. Foi a actuación 'Como bailar nun serán' na praza da Ferrería.

Outro concerto levou á aula á praza do Teucro acompañada polo Coro Universitario Polifónico.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora