'Máis que Musas', oito martes para reformular o papel da muller na historia da arte

Pontevedra
01 de febreiro 2026
Actualizado: 14:01

A Deputación organiza no Museo de Pontevedra un curso en oito sesións, cada unha dedicada a unha muller relevante na historia da arte. Estará impartido pola profesora Marta Riera

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra / Pablo Ajuria / Brais Porto

Durante oito martes de febreiro e marzo, o Museo de Pontevedra vai cuestionar como durante séculos o papel da muller na arte foi o de obxecto artístico e non o de suxeito e analizar por que musa é un termo feminino e xenio é masculino.

Será a través do curso de divulgación cultural ‘Máis que Musas’, impartido pola profesora Marta Riera, doutorada en Belas Artes.

O curso está estruturado en oito sesións, cada unha dedicada a unha muller relevante na historia da arte. Todas serán de 19.00 a 20.30 horas no Edificio Castelao. 

Percorrerán diversos contextos culturais, xeográficos e temporais de mulleres vinculadas a distintas disciplinas artísticas, e analizará as súas experiencias vitais e o seu legado no presente.

A primeira será este martes 3 de febreiro e estará dedicada a Élisabeth Vigée Lebrun, retratista de María Antonieta

A continuación, haberá sesións centradas en Cecilia Beaux, Gabriele Münter, Eileen Gray, Barbara Hepworth, Peggy Guggenheim, Lee Miller e Maruja Mallo

Este curso pon en cuestión a historia da arte dominante para dar a coñecer outras realidades menos transitadas no ámbito académico.

A actividade durará ata o 24 de marzo e o acceso é libre, pero quen queira obter un certificado de asistencia deberá inscribirse previamente en [email protected] e acudir como mínimo ao 70 % das sesións.