Máis programación formativa nun Novos Cinemas que busca "reforzar o diálogo" entre os creadores e a industria

Pontevedra
12 de novembro 2025

Haberá ata tres seccións que condensarán a filosofía de Novos Cinemas de servir de ponte entre diferentes actores do sector, entre elas un laboratorio de novas autorías

Unha das actividades formativas do laboratorio de Novos Cinemas
Unha das actividades formativas do laboratorio de Novos Cinemas / Novos Cinemas

Os dez anos que cumpre Novos Cinemas virán acompañados dun reforzo da oferta formativa que ofrecerá o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.

O festival celebrará este aniversario, entre os días 9 e 14 de decembro, renovando o seu compromiso de ser un espazo de impulso para as novas autorías.

Haberá ata tres seccións que condensarán a filosofía de Novos Cinemas de servir de ponte para "reforzar o diálogo" entre os creadores e a industria.

Serán ÁGORA, como punto de encontro profesional e de diálogo coa industria; Terra#LAB, o laboratorio de novas autorías; e AULA, espazo formativo que conecta estudantes, profesionais e público na exploración das novas narrativas do cinema contemporáneo.

A primeira delas, segundo o director executivo de Novos Cinemas, Daniel Froiz, será un dos espazos centrais desta edición, onde os distintos axentes do cinema emerxente colaborarán "sen os corsés habituais do mercado", onde moitas veces "non atopan o seu espazo".

Así, o venres 12 de decembro presentaranse os proxectos participantes no Terra#LAB e haberá unha mesa de debate sobre a profesionalización no eido da produción audiovisual con representantes de empresas como Movistar Plus, Sideral Cinema ou Begin Again.

O programa inclúe tamén, xa o sábado 13, o encontro Dez anos de Novos Cinemas, unha conversa aberta con algúns dos nomes que marcaron a historia do festival como Jaione Camborda, Lois Patiño, Beli Martínez e Daniel Froiz. Será na Fundación RAC.

Coa súa nova denominación, pola súa banda, o Terra#LAB abre unha nova etapa dentro de Novos Cinemas, mantendo o seu espírito orixinal de acompañar o cinema emerxente.

Ao longo de nove edicións, o laboratorio consolidouse como un referente para cineastas que desenvolven as súas primeiras películas e buscan afianzar a súa traxectoria profesional.

Por este laboratorio pasaron xa 37 proxectos, moitos deles convertidos en películas que se estrearon en festivais internacionais de primeira categoría.

Desta vez, participan sete filmesTina e Pol, de Santiago Pereira; Rúa Barcelona, de Ángela Andrada; Os salmos, de Pablo Dopazo; Compaña, de Alejandro Pereira; La mala gent, de Amat Vallmajor; Teknocity, de María S. Olmo; e Fractal Fruit, de Luana Bovet e Pau Berga.

Coordinado por Isona Admetlla, o laboratorio contará con profesionais de prestixio como Lorena Morín, Paulo Carvalho e Jerónimo Quevedo, vinculados a institucións de referencia como o Berlinale World Cinema Fund, MECAS ou a Quinzaine des Cinéastes de Cannes.

E a vertente puramente formativa de Novos Cinemas, a sección AULA, reafirmará a súa aposta polo desenvolvemento profesional e o pensamento crítico arredor do cinema contemporáneo.

O festival renova a súa colaboración coa  Escola de Cinematografía e do Audiovisual de Madrid (ECAM) cun curso dirixido pola crítica, programadora e investigadora Daniela Urzola, quen propón unha análise das novas voces e das formas contemporáneas de narrar.

A esta iniciativa súmase a colaboración coa Universidade de Vigo, a través do campus de Pontevedra, onde desde outubro desenvólvese o taller da cineasta Anxos Fazáns, centrado na creación audiovisual contemporánea e na exploración de novas linguaxes cinematográficas.