Malvela, Uxía Senlle, Mondra, Silvia Penas e Samuel Merino lembran a Castelao nun acto poético-musical no Pazo da Cultura

Pontevedra
21 de outubro 2025

Con este encontro escénico, a música, a palabra e a imaxe únense nunha proposta colectiva que busca celebrar a memoria, a identidade e a liberdade

Concerto de Mondra nas Festas da Peregrina Cristina Saiz

O Ateneo de Pontevedra, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza este mércores 22 de outubro ás 19:00 horas no salón de actos do Pazo da Cultura o espectáculo poético-musical 'Irmán Daniel!', que rende tributo a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento. A entrada será libre ata completar aforo.

Con este encontro escénico, a música, a palabra e a imaxe únense nunha proposta colectiva que busca celebrar a memoria, a identidade e a liberdade. Inspirado na figura do intelectual rianxeiro, 'Irmán Daniel!' preséntase como un espazo onde a crítica e a beleza se mesturan para convidar á reflexión sobre o presente e o futuro da cultura galega.

O evento contará coa participación dun elenco artístico de primeiro nivel: Malvela, Uxía, Mondra, Ceumar, Silvia Penas e Samuel Merino, voces e corpos que, desde distintos estilos e disciplinas, dialogan en escena desde a tradición ata a vangarda para tecer unha experiencia compartida.

Malvela, grupo nacido en Sanguiñeda (Mos), traerá á escena os ecos do canto tradicional das nosas nais e avoas. Nacido a partir dun curso de cantos populares impulsado por Uxía Senlle, o grupo converteu a recuperación da memoria musical nunha verdadeira paixón.

Pola súa banda, Uxía, unha das grandes embaixadoras da música galega, achegará a súa voz fonda e envolvente. Con case 40 anos de carreira, leva décadas conectando os sons tradicionais galegos coas músicas do Atlántico, en especial co Brasil, Portugal e Cabo Verde, con colaboracións inesquecibles con artistas como Dulce Pontes, João Afonso ou Tito Paris.

A aposta contemporánea virá da man de Mondra, artista revelación da escena galega. Cantareiro e bailador, estreouse con forza co disco Ardën (2023) e consolidouse con De ronda, unha proposta "para seducir ou ser seducido" que mestura frescura, irreverencia e fondura.

No terreo da poesía escénica, a forza performativa de Silvia Penas e Samuel Merino ocupará o espazo co corpo e coa palabra. Penas traballa desde a fusión da poesía con outras disciplinas, explorando os límites da voz e do corpo como vehículos de expresión poética. Merino, cunha sólida formación en Filosofía e unha traxectoria vinculada ás artes escénicas, aposta por unha poética reflexiva que se move entre o recital e a performance.

O toque internacional chega da man da brasileira Ceumar, unha das voces máis singulares da música popular do seu país. Cantante, guitarrista e compositora, constrúe un estilo propio que bebe do folclore da súa rexión natal e se mestura con jazz, samba e pop para crear paisaxes sonoras que emocionan.

'Irmán Daniel!' forma parte da programación especial polo 75 aniversario do pasamento de Castelao, e pretende ser unha celebración viva, participativa e emotiva, na que o público está chamado non só a escoitar, senón a sentir e reflexionar.