'Mamá', a canción coa que o pontevedrés Javier Lago revoluciona o seu son

Pontevedra
08 de outubro 2025

Con este single, Javier Lago abre camiño ao seu próximo traballo musical, un EP no que xa se atopa inmerso e que, segundo as previsións, verá a luz en 2026

Javier Lago, no videoclip da canción 'Mamá'
Javier Lago, no videoclip da canción 'Mamá' / PontevedraViva

Cara ao pop electrónico. Así se moveu o son do músico pontevedrés Javier Lago coa súa nova canción. Trátase dun tema chamado Mamá.

Con esta sorprendente incursión, coa que ofrece un rexistro máis enérxico e bailable, Lago dá un paso máis na súa carreira e consolídase como artista en constante evolución.

En Mamá, o artista de Pontevedra mostra a súa sinceridade sobre un momento vital de procura persoal.

A través da letra, Javier Lago explora a tensión do que nos é seguro e coñecido e o desexo de seguir explorando, simbolizando unha ruptura, tanto musical como emocional.

Esta canción está producida por Juan de Dios Martín, un profesional da música que traballou con xentes da talla de Amaral, Xoel López, De Ninghures ou El Kanka.

Mamá chega case dous anos despois do seu álbum debut, Perdón por las molestias, publicado en xaneiro de 2024.

Este disco puido presentalo en directo en numerosos festivais galegos como Río Verbena, Festival de la Luz, Surfing The Lérez ou Silfest.

Con este single ábrese camiño ao seu próximo traballo, un EP no que xa se atopa inmerso e que, segundo as previsións, verá a luz en 2026.

O seu lanzamento é o resultado da participación de Javier Lago na aceleradora musical Sonemerxente, unha iniciativa da Fundación Paideia Galiza en conxunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).