Manuel Lourenzo, Premio Jules Verne 2017 pola súa obra xuvenil "Ceiba de luz"

Pontevedra
03 de xuño 2017

O escritor Manuel Lourenzo foi galardoado co Premio Jules Verne de literatura xuvenil en lingua galega que, por noveno ano, concedeu a editorial Xerais e cuxo fallo se deu a coñecer este sábado na illa de San Simón (Redondela)

O escritor Manuel Lourenzo González asina un exemplar de 'Cegoñas no fondo da ría'
O escritor Manuel Lourenzo González asina un exemplar de 'Cegoñas no fondo da ría' / Mónica Patxot

O escritor Manuel Lourenzo foi galardoado co Premio Jules Verne de literatura xuvenil en lingua galega que, por noveno ano, concedeu a editorial Xerais e cuxo fallo se deu a coñecer este sábado na illa de San Simón (Redondela).

Nesta ocasión, o xurado decidiu premiar a obra Ceiba de luz.

Ceiba de luz conta a historia dun grupo de estudantes da Universidade de Salamanca que, tras atopar unha pequena figura humana nunha tenda de antigüidades, organizan unha expedición para alcanzar o mítico Eldorado a través da selva amazónica de Perú, onde convivirán cos poboadores da antiga cidade de Haripari.

Manuel Lourenzo, catedrático en lingua galega, publicou a súa primeira obra en 1991 con Algúns outros e ao longo destes anos recibiu numerosos galardóns como o Premio Carvalho Calero, o Premio Café Dublín, o Merlín ou o Blanco Amor de Novela. O seu anterior traballo fora Cegoñas no fondo da ría, recompilación dos seus artigos en PontevedraViva.

O Premio Jules Verne de literatura xuvenil está dotado con 10.000 euros.

SANTIAGO LOPO, PREMIO XERAIS 2017

Ademais, o escritor vigués Santiago Lopo, fincado en Pontevedra onde traballa como profesor da Escola de Idiomas, foi galardoado co XXXIV Premio Xerais de Novela pola obra A arte de trobar.

Lopo iniciouse na literatura coa tradución de guións cinematográficos en inglés para televisión. Tras isto, publicou na revista Unión Libre e xa escribiu un total de cinco novelas, Game Over, Peaxes, Hora Zulú, A diagonal dos Tolos e A voz das Nereidas.

A novela A arte de trobar ambiéntase no século XIII, marco do encontro entre a lírica provenzal e a galega, esta na súa época de máximo esplendor, a través de varios personaxes co Camiño de Santiago como fío condutor.