O Salón do Libro Infantil e Xuvenil celebra online este xoves 2 de abril o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cunha programación especial. O Salón Virtual incrementará así o número de publicacións habituais coa emisión dun maratón de contos con Pavís Pavós, Paula Carballeira, Soledad Felloza e Charo Pita.
Nesta data na que se recorda o día do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o Salón Virtual contará tamén coa música de Pablo Díaz e o seu "Concerto en zapatillas", un obradoiro de banda deseñada con Kiko Dasilva e "Fiz, o neno máis porco do mundo" e algunha sorpresa máis que os organizadores difundirán a través do seu Facebook, Instagram e na web: www.salondolibro.gal
Dende a organización do Salón do Libro comunican que, malia que estaba previsto cesar a súa actividade nestas datas, o Salón Virtual continuará activo para achegar o seu apoio ante a presente situación: "a prórroga do Estado de Alarma e as circunstancias actuais replantexaron a decisión e a emisión de contidos estenderase ata que remate esta situación de confinamento".
O repentino peche do Salón do Libro por mor do COVID-19 o pasado xoves 12 de marzo deu paso ao presente Salón Virtual, no que por unha banda axuda a facer máis levadeiros estes días aos nenos e familias e, por outra, permite non cancelar os expedientes de contratación cos profesionais da cultura que tiñan actividades programadas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.