‘Mareas de sabedoría’ rende homenaxe ás persoas maiores de Bueu en Beluso

Bueu
23 de outubro 2025

A Casa do Pobo de Beluso acolle desde este xoves 23 de outubro a mostra fotográfica de Salvador Santos ‘Charri’ sobre dezaseis veciños e veciñas de máis de 90 anos

Presentación de Mareas de Sabedoría
Presentación de Mareas de Sabedoría / Concello de Bueu

A Casa do Pobo de Beluso acolle desde este xoves, 23 de outubro, a exposición "Mareas de sabedoría", un proxecto fotográfico de Salvador Santos ‘Charri’ que retrata dezaseis veciños e veciñas de Bueu maiores de 90 anos.

A mostra poderá visitarse en horario de 16:15 a 20:00 horas.

A través destas imaxes, ofrécese unha panorámica vital dunha xeración que padeceu tempos difíciles e que representa a memoria viva da vila.

O fotógrafo, nacido en Bueu e vinculado ao mar desde neno, leva anos documentando historias locais e quere, con este traballo, render homenaxe a quen sosteñen o legado e a identidade de Bueu.

'Charri', como é máis coñecido, criouse nunha familia mariñeira humilde. De neno comezou a traballar na pesca de baixura ao cerco no barco "Cadilla", de mariñeiro co seu pai.

A exposición xa pasou pola Sala Amalia Domínguez Búa durante o verán e chega agora a Beluso para seguir compartindo estas historias.

Desde o Concello de Bueu animan a toda a veciñanza a achegarse e coñecer a vida e a fortaleza das persoas maiores da vila.