Salvador Santos 'Charri' recolle en imaxes a persoas de máis de 90 anos de Bueu

Bueu
23 de xuño 2025
Actualizado: 10:19

Dezaseis veciños e veciñas protagonizan a exposición 'Mareas de sabedoría' que se inaugura este venres no Centro Social do Mar

O retrato de Erundina Solla forma parte da exposición de Salvador Santos "Charri"
O retrato de Erundina Solla forma parte da exposición de Salvador Santos "Charri" / Concello de Bueu

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá desde este venres, 27 de xuño, a exposición fotográfica "Mareas de sabedoría", un proxecto do fotógrafo afeccionado Salvador Santos 'Charri' que rende homenaxe á xeración máis veterana da vila.

A mostra, que permanecerá aberta ao público ata o 10 de xullo na Sala Amalia Domínguez Búa, recolle os retratos de dezaseis veciños e veciñas que superan os 90 anos de idade.

O proxecto, que comezou hai un ano, busca poñer en valor as historias de vida dunha xeración que representa a memoria colectiva de Bueu.

Ademais das fotografías, a exposición inclúe un libro que recompila vivencias e lembranzas recollidas polo propio autor nas conversas mantidas cos protagonistas.

"As persoas maiores levan o peso da vida nas súas mans. Elas e eles son o noso legado e a loita do que hoxe somos", explícase no folleto informativo da mostra.

O acto inaugural celebrarase ás 20.00 horas e contará coa presenza dalgúns dos propios protagonistas das fotografías.

'Charri', nado en Bueu en 1953 nunha familia mariñeira, traballou durante 38 anos no mar antes de xubilarse en 2007.

A súa carreira profesional levouno por diversos caladoiros, desde o Grand Sole ata Sudáfrica ou Arxentina. Tras a xubilación, desenvolveu a súa paixón pola fotografía, formando parte do colectivo Abrenoite e realizando series como "Mariñeiros", "Esenciais" durante a pandemia, e "Orgullosos do noso" sobre deportistas locais.

Con "Mareas de sabedoría", o fotógrafo pretende achegar ao público unha panorámica dunha xeración que superou grandes penurias e que representa a fortaleza e valentía de Bueu.