Verán de arte e diversión cos obradoiros infantís do Museo

Pontevedra
15 de xuño 2025

A actividade estará dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e celebrarase durante as mañás dos meses de xullo e agosto. A inscrición abre o martes 17 ás 10:00 horas

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra / Pablo Ajuria / Brais Porto

A Deputación de Pontevedra volve ofrecer os seus obradoiros infantís de verán.

As actividades celebraranse durante as mañás dos meses de xullo e agosto no Museo e estará dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

Serán en total catro obradoiros gratuítos, cada un con dúas quendas, que permitirán aos participantes explorar de forma lúdica e didáctica as propostas da 32 Bienal de Pontevedra e celebrar o centenario do nacemento de Cerámica Celta.

Do 1 de xullo ao 29 de agosto, cada semana, un grupo de quince novos terá a oportunidade de partiipar nun dos obradoiros ofrecidos, que se desenvolverán de martes a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas.

A inscrición para estas prazas abrirase o vindeiro martes 17 de xuño ás 10:00 horas e asignaranse por estrita orde de chegada das solicitudes.

Un dos obradoiros que ofrece a Deputación é 'Instalación Colectiva: unha Ollada ao Futuro', que se desenvolverá do 1 ao 4 de xullo e do 8 ao 10 do mesmo mes. Estará impartido por Alba Santa e introducirá aos nenos na instalación artística como medio de expresión.

A través do xogo e a experimentación, crearán un mural colectivo que reflicta o futuro que imaxinan, baixo as premisas de paz, esperanza e empatía, inspirándose nas obras da Bienal.

Do 15 ao 18 de xullo e do 22 ao 24 será a quenda de 'Campamento Feitiño da Paz'. Dirixido por Lili Algo, esta proposta artística e lúdica explorará formas creativas de resistir a violencia e construír a paz. Os participantes imaxinarán e darán forma a unha "resistencia adorable" construíndo unha cidade de cartón con personaxes pacificadores, casas-refuxio e máquinas de empatía.

'Cerámica Celta' chegará do 29 de xullo ao 1 de agosto para idades de 6 a 9 anos, e do 5 ao 8 de agosto para nenos e nenas de 9 a 12 anos. En conmemoración do centenario de Cerámica Celta, dirixida por Ramón Diéguez Carlés, este taller, impartido por Teresa Pece, permitirá aos participantes modelar, decorar e dar cor ás súas propias pezas cerámicas, seguindo os pasos de artistas como Asorey, Castelao, Carlos Sobrino, Maside, Acuña ou Bonome, quen participaron nos deseños orixinais.

'Crea a túa Arte a través da Bienal' implicará aos mozos no mundo actual a través das obras da Bienal de Pontevedra. Desenvolverase do 19 ao 22 de agosto e do 26 ao 29 do mesmo mes da man de Leucoíña Pasea.

Inspirándose en artistas como Rosalind Nashashibi ou Manuel Vilariño, desenvolverán a súa creatividade e espírito crítico mediante o debuxo, o traballo con material de refugallo e a escritura.