Maria Arnal i Marcel Bagès e Ugía Pedreira, apostas para a regreso das Matinés do Principal

Pontevedra
05 de setembro 2022

Outubro será o mes no que volvan As Matinés do Principal. O ciclo musical regresará cunha dobre cita, a que protagonizarán Maria Arnal i Marcel Bagès (8 de outubro) e Ugía Pedreira (29 de outubro). En ambos os casos, como é tradición, será en horario matinal, as 12:30 horas

Maria Arnal i Marcel Bagès
Maria Arnal i Marcel Bagès / Álex Rademakers

Outubro será o mes no que volvan As Matinés do Principal. O ciclo musical regresará cunha dobre cita, a que protagonizarán Maria Arnal i Marcel Bagès (8 de outubro) e Ugía Pedreira (29 de outubro). En ambos os casos, como é tradición, será en horario matinal, as 12:30 horas.

As Matinés do Principal regresan sen perder un ápice da súa esencia: a mellor música ao vivo para compartir en familia e en horario matutino, un ciclo para todos os públicos fóra dos tópicos do formato habitual das programacións matinais.

Maria Arnal i Marcel Bagés presentarán en Pontevedra o seu segundo álbum, Clamor, unha nova aposta de pop mutante que xa se presentou en numerosos teatros e festivais cun gran éxito, sendo nomeado o mellor directo de 2021 nos premios MIN de música independente.

 

A artista galega, Ugía Pedreira, coñecida como A Pedreira, traerá o seu primeiro traballo con firma propia, Segmento Cantábrico, no que combina instrumentos máis orgánicos do folk coa música electrónica vintage, e no que integra "spoken word", poesía e canción.

 

As entradas para ambos os dous concertos xa están dispoñibles na web ataquilla.com. O abono para ambos ten un prezo de 30 euros, mentres que as entradas individuais oscilan a partir dos 16 euros para a actuación de Maria Arnal e dos 14 para o concerto de A Pedreira.

Os menores de 12 anos disporán de entradas cun desconto do 50% sobre o prezo xeral.