Marta Veiga e Xandra Táboa reciben os premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía

Bueu
16 de maio 2021

Marta Veiga e Xandra Táboa, galardoadas nas categorías de xornalismo e poesía, recibiron este domingo os Premios Johán Carballeira que concede anualmente o Concello de Bueu. Adrián Mosquera, tamén recoñecido polo seu traballo poético, non puido acudir ao acto

Marta Veiga e Xandra Táboa, tras recibir os premios Johán Carballeira
Marta Veiga e Xandra Táboa, tras recibir os premios Johán Carballeira /

Marta Veiga e Xandra Táboa, galardoadas nas categorías de xornalismo e poesía, recibiron este domingo os Premios Johán Carballeira que concede anualmente o Concello de Bueu. Adrián Mosquera, tamén recoñecido polo seu traballo poético, non puido acudir ao acto.

A entrega de premios celebrouse no Centro Social do Mar, no marco da programación deseñada polo goberno municipal de Bueu con motivo do Día das Letras Galegas.

Na categoría de xornalismo, o premio foi para Marta Veiga pola reportaxe Cantigas para despois dunha pandemia, publicada na revista Luzes, que ofrece outras olladas sobre a pandemia e que pon de manifesto as eivas dun sistema que xa estaban latentes.

Na súa intervención, Veiga destacou a importancia dun premio que aposta polo xénero da reportaxe "sobre todo no momento actual no que pululan moitos opinadores polos platós de televisión" e reivindicou a necesidade de "dignificar" o xornalismo.

O premio de poesía foi para a obra Dou clases de ioga por videoconferencia, de Adrián Mosquera e Xandra Táboas.

Esta última defendeu o uso da lingua galega "e o seu dereito a ser dos pobos" e lamentou que corenta anos despois da ditadura "a lingua galega segue a ser un adorno, un museo, a empregarse de forma preciosista e creo que como pobo necesitamos que nos deixen ser".

Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, manifestou a súa ledicia ao escoitar a dúas mulleres que dende as letras "reivindican causas nobres e xustas" e que demostran que "desde o local se chega ao global".

As premiadas foron agasalladas cunha réplica artística da figura de Johán Carballeira elaborada para a ocasión por Cavalinho do demo.

O acto culminou cun concerto a Xela Arias do grupo Xardín Desordenado, no que alternaron temas de poetas galegas actuais coma Olga Novo con outros dedicados a María Victoria Moreno ou Luísa Castro.