Meaño ofrecerá entradas gratuítas e descontos para asistir ao Son do Mar e ao Sachaso Rock

O Salnés
24 de xuño 2026

A produtora Son do Mar Music e o Concello de Meaño acordan bonificacións para achegar a música en directo á cidadanía

Omar Montes
Omar Montes / Sala Zentral Iruña

O Concello de Meaño e a promotora Son do Mar Music, responsable de eventos como Son do Mar Festival e Sachaso Rock, alcanzaron un acordo para facilitar o acceso aos concertos aos residentes do municipio, especialmente aos colectivos con maiores dificultades económicas.

A iniciativa coincide coa celebración en Meaño das edicións de 2026 de ambos os festivais e nace da colaboración que manteñen a administración local e a empresa organizadora.

Segundo destacan, o obxectivo é achegar a música en directo a toda a cidadanía e evitar que cuestións económicas supoñan unha barreira para gozar destes eventos.

Para iso, o próximo 27 de xuño habilitarase un despacho de billetes especial na Oficina de Información Turística da Praza Nova, onde os veciños poderán adquirir entradas en condicións vantaxosas entre as 10.30 e as 12.30 horas.

As medidas acordadas contemplan a gratuidade das entradas para os menores de 18 anos e para as persoas desempregadas, independentemente da súa idade.

Ademais, os mozos de entre 18 e 30 anos poderán beneficiarse dun desconto do 50% sobre o prezo de cada entrada.

Para acceder a estas vantaxes será necesario acreditar a residencia ou empadroamento en Meaño mediante o DNI orixinal. No caso das persoas desempregadas, tamén deberán presentar o cartón oficial en vigor que certifique a súa situación laboral.

As entradas serán nominativas e intransferibles, polo que cada persoa só poderá retirar unha localidade, que deberá coincidir coa súa identidade no momento de acceder ao recinto.

Desde a organización destacan que a medida responde a unha aposta por facer os festivais máis inclusivos e accesibles para todos os públicos.

O acordo, impulsado tamén a petición do Concello, pretende achegar a cultura e a música en directo aos veciños do municipio, especialmente aos mozos e ás familias con menos recursos.

Iso si, a oportunidade terá carácter excepcional. A venda especial realizarase unicamente durante a xornada e o horario anunciados, sen que estea previsto ampliar posteriormente o prazo para beneficiarse destas condicións.