A memoria como ferramenta para construír convivencia e frear o odio centrará en Pontevedra unhas xornadas que combinan reflexión, participación cidadá e actividades para todas as idades.
Baixo o título "A memoria fronte ao odio", Mocidade galega impulsa unha iniciativa que se desenvolverá na Illa de San Simón e a Casa da Luz.
A programación arrincará o 19 de abril cun percorrido pola memoria histórica na Illa de San Simón.
A visita, guiada polo profesor e deputado Luís Bará, partirá ás 10:15 horas desde o porto de Meirande, cunha primeira convocatoria ás 10:00.
Durante a mañá, as persoas participantes achegaranse á historia dun espazo cargado de significado, nun itinerario pensado para reflexionar sobre o pasado e o seu impacto no presente.
O regreso está previsto arredor das 12:50 horas. A actividade terá un custo de 10 euros para maiores de 12 anos, 5 euros para nenos de entre 4 e 12, e será gratuíta para menores de 3 anos.
O prato forte chegará o 25 de abril na Casa da Luz, cunha xornada completa de mesas redondas e actividades paralelas.
A apertura será ás 11:30, seguida da primeira mesa, "Dende o persoal: o odio e a convivencia", na que se abordarán experiencias vinculadas á memoria familiar e á represión.
Participarán voces como Carmen Álvarez, Diego Bará e Claudia Domínguez, baixo a moderación da xornalista Laura Fresneda.
Xa pola tarde, o debate trasladarase ao papel dos medios de comunicación na construción ou contención do odio, cunha mesa que contará con Alberte Mera e Borxa González, moderados pola xornalista Chus Gómez.
A última sesión, prevista para as 18:00, analizará as dinámicas do odio "onte e hoxe" desde unha perspectiva institucional e social, coa participación de Carme da Silva, Pilar Allegue e Montse Fajardo, e moderación de Juan de Sola. O peche das xornadas está previsto para as 19:30.
Un dos elementos distintivos da cita será o seu carácter inclusivo e interxeracional.
Durante toda a xornada do día 25 haberá un espazo infantil dirixido a nenos de entre 4 e 12 anos, con actividades como a creación dun mural colectivo pola paz, elaboración de pulseiras e chapas, contacontos e unha zona de lectura permanente. A proposta busca que tamén os máis pequenos participen na construción da memoria colectiva.
Organizadas por Mocidade Galega pola Memoria e co apoio do Concello de Pontevedra e diferentes entidades colaboradoras, estas xornadas pretenden abrir un espazo de diálogo e reflexión nun contexto no que o debate sobre o odio, a convivencia e a memoria histórica continúa máis vixente que nunca.