O Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan mes de abril cheo de actividades para reivindicar e recuperar a memoria histórica da vila a través de charlas, coloquios e actos.
A iniciativa 'Abril, mes da memoria', coincidirá co 89 aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, quen foi alcalde de Bueu antes do golpe de estado, ademais de poeta e xornalista.
O programa comezará o 17 de abril, data na que levará a cabo a tradicional ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira na entrada da praia de Banda do Río.
A homenaxe, que comezará ás 19:30 horas, lembrará tamén a outros veciños de Bueu, como Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros da Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT na vila.
O acto contará tamén cunha actuación musical de Dori Santos e Lía Vilas, ao violín.
A continuación, ás 20:00 horas, o Centro Social do Mar acollerá a mesa redonda 'A represión na comarca do Morrazo no ano 1936', na que participarán Xosé Novas Piñeiro, da Asociación de Amigos de Johan Carballeira; Iago Santos Castroviejo, de Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas; Queta Otero Molas, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín; e Luís Chapela Bermúdez, da Irmandade do Dolme de Moaña.
As actividades continuarán o 23 de abril, tamén no Centro Social do Mar, co coloquio 'Os concellos do Morrazo na Segunda República (1931-1936)', dirixido por Xosé Novas Piñeiro.