Cláudia Morán e Eugenio Outeiro Lojo reciben os Premios Johan Carballeira

Bueu
23 de novembro 2025
Actualizado: 9:41

O acto recoñeceu o compromiso coa lingua e a memoria histórica, distinguindo traballos de xornalismo e poesía con fondo social e cultural

Entrega dos premios Johan Carballeira 2025
Entrega dos premios Johan Carballeira 2025 / Concello de Bueu

Este sábado 22 desenvolvíaseo acto de entrega dos Premios Johan Carballeira no salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu, cunha importante presenza de público.

Na cita foron entregados os premios aos gañadores das edicións deste ano: Eugenio Outeiro Lojo, premiado polo poemario "Réquiem", e Cláudia Morán Mato, galardoada xunto con Manolo Broa pola reportaxe “Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume”, publicada en Sermos Galiza de Nós Diario.

Durante o evento, Félix Juncal, alcalde da vila, destacou que ambos premiados comparten a preocupación pola lingua galega, herdanza que merece ser "reivindicada".

Subliñou, ademais, o compromiso social dos seus traballos: Outeiro recolle na súa obra a memoria da represión na Illa de Arousa, ligada á sufrida en Bueu polo exalcalde Johan Carballeira.

Pola súa banda, o traballo de Cláudia Morán centra o seu xornalismo na análise do abandono do rural, da problemática dos incendios e na valorización das persoas e da vida na terra.

A entrega dos premios contou coa actuación literario-musical de Cintaadhesiva, e a artista Cavalinho do Demo foi a encargada de elaborar as pezas cerámicas entregadas aos gañadores.

Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, reivindicou a figura do poeta e xornalista e agradeceu o labor de quen aposta pola poesía e o xornalismo en galego.

Os galardóns, dotados con 1.500 euros en cada categoría, homenaxean a Johan Carballeira, alcalde, poeta e xornalista bueués asasinado pola represión franquista, e manteñen viva a súa memoria así como o seu legado de defensa da cultura galega e dos dereitos sociais.