Alumnado do IES Johan Carballeira dará voz á declaración do 25N en Bueu

Bueu
14 de novembro 2025

Están previstos obradoiros, cine e presentacións durante todo o mes para sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da igualdade de xénero e contra a violencia machista

Actividade do CIM de Bueu
Actividade do CIM de Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, presenta unha programación especial para o 25 de novembro con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas, centrada en sensibilización e formación.

O acto principal será a declaración conmemorativa realizada polo alumnado de 4º da ESO do IES Johan Carballeira na Praza do Concello ás 12.00 horas.

Durante todo o mes haberá obradoiros de autoestima para mulleres arredor da arte, que continuarán ata decembro e ampliaranse con actividades sobre música, palabra e risoterapia entre febreiro e abril, todas con inscrición previa no Centro de Información ás Mulleres.

Tamén se celebrarán xornadas formativas para persoal do Concello sobre o Plan de Igualdade e prevención de acoso, e un obradoiro no IES Illa de Ons sobre violencia de xénero no contexto dixital.

O Cineclub Bueu proxectará a película "Yo soy Nevenka" de Icíar Bollaín o 21 de novembro no Centro Social do Mar.

Ademais, a Libraría Miranda organiza o 26 de novembro a presentación do libro Outono, a muller sen nome, de Paula Castro, unha historia sobre a loita contra diferentes formas de violencia.