A Subdelegación do Goberno impulsa múltiples accións contra a violencia machista con motivo do 25N

Pontevedra
12 de novembro 2025
Actualizado: 12:52

Entre as iniciativas presentadas, a Subdelegación impulsou un proxecto pioneiro de colaboración coa Universidade de Vigo e a expansión dos puntos violeta pola provincia

Campaña polo 25N
Campaña polo 25N / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou este mércores o programa de actividades que a Subdelegación está a desenvolver durante o mes de novembro con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Trátase dun conxunto de accións que van máis alá da celebración institucional e que inclúen colaboracións con concellos, universidades, servizos estatais e un recoñecemento especial ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O acto central do 25N, que se celebrará na Subdelegación, incluirá a lectura dunha declaración institucional e un recoñecemento ao traballo dos equipos VioGén das cinco compañías da Garda Civil (Pontevedra, Vigo, Tui, Cambados e Lalín) e das catro Unidades de Atención á Familia e á Muller (UFAM) das Comisarías da Policía Nacional en Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín.

"Queremos reivindicar VioGén e poñer en valor o traballo, que vai moito máis alá do deber, que fan as mulleres e homes destes equipos", destacou Losada, quen lembrou que máis de 1.900 mulleres da provincia están incluídas na base de datos deste sistema de protección.

Entre as iniciativas presentadas, a Subdelegación impulsou un proxecto pioneiro de colaboración coa Universidade de Vigo. Alumnado do Máster de Publicidade elaborou campañas de prevención da violencia de xénero para os concellos de Lalín, Sanxenxo, Moaña, Redondela e Ponteareas, dentro dun programa de Aprendizaxe-Servizo (APS).

Outra das accións destacadas é a expansión dos puntos violeta pola provincia. Pontevedra convértese así na primeira provincia galega en promover estes espazos informativos en farmacias, grazas a un acordo pioneiro co Colexio Provincial de Farmacéuticos. O proxecto permitirá instalar puntos violeta en 427 oficinas de farmacia, acompañados dun plan de formación comarcal coordinado pola Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación.

Ademais, xa se habilitou un punto violeta no aeroporto de Vigo, en colaboración con AENA, e estanse implantando noutros espazos públicos como as oficinas de emprego (SEPES), Seguridade Social, Axencia Tributaria, Paradores de Turismo e sedes comarcais da UGT. En total, repartiranse uns 500 puntos violeta pola provincia. "Os puntos violeta nas festas están moi ben, pero hai lugares moi sensibles, polos que pasa un gran volume de público, e era necesario dotalos deste recurso informativo", explicou o subdelegado.

Finalmente, Losada lembrou que este ano se completou a posta en marcha do Centro de Crise 24 horas para atención de violencias sexuais e de xénero, situado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que ofrece cobertura provincial e está financiado polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España.