A programación violeta de novembro organizada pola concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra inclúe este ano un curso de autodefensa e empoderamento físico e emocional.
A actividade, pensada para mulleres de máis de 16 anos, busca conmemorar o 25N, día internacional para a erradicación da violencia sobre as mulleres.
O curso de empoderamento físico e emocional está baseado no método Sakura e correrá a cargo da experta en artes marciais e terapeuta persoal Jatsume Gainza.
Ten unha duración de 9 horas, artelladas en tres sesión de 3 horas cada unha os sábados 8, 15 e 22 de novembro. Será ás 10.00 horas,na Casazul (sala Almofrei).
A actividade ten prazas limitadas, é de balde e é preciso inscribirse en www.apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono do CIM 986 864 825.
O curso quere proporcionar ferramentas útiles e doadas para o día a día que axuden ás participantes a desenvolver e/ou recuperar a auto confianza, o auto coidado e a forza emocional e física necesarias para poder xestionar calquera situación cotiá, incluído poñerse a salvo, de ser preciso, fronte a unha agresión.
As persoas participantes traballarán para lograr obxectivos como aprender a escoitar e escoitarse desde unha perspectiva non violenta (comezando por nós mesmas), coñecer técnicas sinxelas de defensa para poñerse a salvo en calquera circunstancia ou recoñecer cando sexan violentadas ou que se atopan nun marco de violencia, verbal ou non verbal.
Coñecer a forza interna que temos a partir da escoita activa e da auto reflexión, desenvolver a capacidade para actuar e saber que estamos con nós mesmas son outros dos obxectivos do curso.