A 23 edición do Festival Cultura Quente de Caldas de Reis chega á súa última semana con música en vivo e actividades para os máis pequenos dentro da programación "Verán con sentidiño".
O Dúo Meraki abre o xoves ás 21.30 horas o programa de actuacións a carón da Praza de Abastos. Esta formación composta por Andrea Cangeri (guitarra) e Rosa Pampillo (violín) centra o seu repertorio nun amplo abano de estilos musicais que van dende o folk ao rock, da música clásica ás bandas sonoras. Nas súas performances mesturan música con elementos narrativos e teatrais.
O venres, día 21, na Tafona, Dj Moe pinchará a partir das 22.00 horas para dar paso ao concerto de Anecoid. Esta recoñecida banda de metal regresa á súa casa, Caldas de Reis, cun novo guitarrista e un ano despois de presentar con enorme éxito a súa xira.
O sábado pola mañá estará destinado aos máis pequenos. O Paseo Román López acollerá a partir das 11.00 segunda xornada de obradoiros infantís "Verán con sentidiño", ao que poderán asistir un grupo máximo de 20 menores previa inscrición no Rexistro Xeral do Concello ou por vía telefónica. Esta iniciativa contará, como novidade, co espectáculo infantil de monicreques "U-la Lúa?" que se celebrará ao mediodía. "U-la Lúa?" é unha proposta escénica dirixida a público familiar onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.
Na noite do sábado, para pechar o festival, Dj Xaby estará ás 22.00 horas na Tafona como teloneiro dun dos grupos máis agardados da programación: Igloo. Esta banda liderada polo caldense Beni Ferreiro leva dende o 2005 colleitando éxitos baixo o seu orixinal estilo indie. Un habitual dos festivais estivais respaldado por unha traxectoria de 6 discos e 1 EP.
Coma sempre, os actos desenvolveranse adaptados conforme á situación de nova normalidade e terán límite de aforo para cumprir coa normativa fronte a Covid-19. Para todos os eventos a entrada será libre ata completar o aforo permitido en cada caso. O uso de máscara será obrigatorio así como respectar os criterios de hixiene e distanciamento que se viñeron levando a cabo neste Cultura Quente, dentro da programación cultural municipal para o verán 2020.