O Concello de Pontevedra convida os veciños e visitantes a seguir os pasos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polas rúas da cidade nunha nova iniciativa enmarcada na programación do Ano Castelao.
Este mércores 4 de xuño, ás 18:30 horas, o Café Moderno acollerá a presentación da reedición do caderno "Meu Pontevedra. Camiñadas con Castelao", unha publicación que recupera a memoria do ilustre galeguista na súa relación coa capital do Lérez.
A nova edición deste caderno, que conta con ilustracións de Ana Seoane e texto de Roberto Rivas, será presentada polo concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez.
Ao finalizar o acto de presentación, o propio Roberto Rivas guiará un percorrido polas rúas pontevedresas que foron testemuñas da vida e obra de Castelao.
A ruta, que non require inscrición previa e está aberto a calquera persoa interesada, partirá do Café Moderno e percorrerá diversos puntos emblemáticos da cidade.
Durante aproximadamente dúas horas e media, os participantes visitarán a rúa da Oliva, a praza da Ferraría, a praza da Verdura, a praza da Leña, a igrexa de San Bartolomeu, a praza da Pedreira, a rúa César Boente, a praza de Méndez Núñez, a rúa Real, a praza das Cinco Rúas, a praza do Teucro, o Teatro Principal e a praza de Santa María, onde está situado un monumento dedicado ao galeguista.
Como punto final, o grupo realizará unha visita especial á Sala Castelao do Museo.
Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lembran que teñen á disposición de colectivos interesados diversas visitas guiadas pola cidade, centradas en persoeiros pontevedreses de relevancia para a lingua galega, entre os que destaca a figura de Castelao como referente intelectual e cultural.
A reedición deste caderno e a organización da ruta buscan lembrar a figura de Castelao e a súa relación intensa coa cidade do Lérez.