Diversas visións do santuario da Peregrina, as pontes de Pontevedra, paseos pola cidade, liñas abstractas e outro non tanto e, sobre todo, "moita cor e moita festa".
Así define Mito Meijón o seu último proxecto, 'Mi(t)opía al toque de lima', unha exposición pictórica que viu a luz por primeira vez este venres no Liceo Casino de Pontevedra tras unha presentación que se converteu nun evento social cunha ampla representación da sociedade pontevedresa.
Para Meijón, Pontevedra é como un gran lenzo vivo e este venres boa parte dos personaxes susceptibles de aparecer nel quixeron acompañarlle no Liceo.
Foi en palabras de Antón Sobral, "unha festa, unha celebración" e non faltaron a decoración festiva, os agasallos -unha bolsa para cada un dos asistentes- e tampouco convidados que non deixaron buxán ningunha das cadeiras habilitadas para a ocasión.
Si pasasen lista, non faltarían representantes de ambitos como o veciñal ou o artístico nin os principais nomes do PP e o PSOE local, cos seus líderes, Rafa Domínguez e Iván Puentes, á cabeza. Non faltou o pai do protagonista, Guillermo Meijón, ex deputado socialista por Pontevedra no Congreso.
Minutos antes da cita, explicou a PontevedraViva que o seu obxectivo con esta presentación era "xuntar amigos", buscar unha escusa para xuntarlles. E conseguiuno ao redor da súa arte.
A Meijón presentoulle Anton Sobral destacando que é "unha persoa excepcional en todos os sentidos", que "nun mundo amolado" como o actual "produce alegría", algo "marabilloso". Destacou tamén a súa intelixencia e que a súa personalidade, ademais de "encantadora" ten "capacidade de convocatoria de xente encantadora".
Mito Meijón, graduado en Economía e en Administración e Dirección de Empresas, cun Máster en Dirección Comercial e Mercadotecnia, un Máster en Dirección de Recursos Humanos, un MBA e un Máster en Formación do Profesorado, compaxina o seu labor na administración pública con colaboracións en medios de comunicación como PontevedraViva coa súa paixón: a pintura.
E diso, de pintura, vai este proxecto, que debe o seu nome a un xogo de palabras co seu nome artístico -Mito- e coa súa miopía particular, "unha forma de vivir o mundo", segundo recoñeceu durante a presentación.
Engadiulle "al toque de lima" como unha chiscadela á súa paixón pola mercadotecnia, ironizando con que hoxe en día todo leva toque de lima.
A mostra reúne obras de distintas series elaboradas desde o ano 2021 e este venres converteuse nunha experiencia colectiva na que os asistentes foron en parte activa da obra e teceron unha rede de amizades, diálogos e vínculos.