Migallas Teatro convida a reflexionar sobre o presente e o futuro da lingua con 'Falemos como galegas'

Pontevedra
22 de maio 2024

Es sábado 25 de maio continúa a programación municipal de 'Maio, mes da lingua' cun espectáculo teatral que convida a reflexionar desde o humor sobre a historia, o presente e o futuro da lingua galega, co obxectivo de fomentar o seu uso normalizado entre as galegas e galegos de todas as idades

Representación de 'Falemos como galegas'
Representación de 'Falemos como galegas' / Migallas Teatro

Es sábado 25 de maio continúa a programación municipal de 'Maio, mes da lingua' cun espectáculo teatral que convida a reflexionar desde o humor sobre a historia, o presente e o futuro da lingua galega, co obxectivo de fomentar o seu uso normalizado entre as galegas e galegos de todas as idades.

Trátase da función 'Falemos como galegas' de Migallas Teatro, prevista para as 20.00 horas no centro cultural de Monte Porreiro.

María Campos e Carlos Yus danlle vida a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular Sra. de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa Luar da TVG e toda unha icona do 'castrapismo'.

Con este espectáculo buscan responder a preguntas como "Por que a situación da lingua galega é a que é? Cales son os falsos tópicos máis comúns sobre ela? Que son a "diglosite" e a "castrapite"? De onde veñen os prexuízos sobre a lingua? A quen afectan? Teñen cura? Que remedios hai para tratalos? Cal é o futuro do galego?".

Sobre o escenario representarase un espectáculo humorístico interactivo dirixido a público adulto e á mocidade a través de sketchs e cancións cómicas de autor.

A función conta coa colaboración da asociación de veciños ''O Mirador' de Monte Porreiro e a entrada é libre ata completar a cabida.