Achegarse a Castelao a través dun espectáculo teatral. É a proposta que impulsa a compañía Migallas Teatro en colaboración co Museo de Pontevedra.
Será con tres funcións da obra Pegadas de Castelao, deseñada para o público escolar, que desenvolverán esta semana, concretamente o martes 18 e o mércores 19 de novembro.
Pegadas de Castelao é un espectáculo dirixido a centros escolares de educación primaria.
Pretende difundir dunha maneira amena a figura e a obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista ou promotor cultural.
Faino combinando monicreques de silueta e de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos do autor de Rianxo, teatro, pantomima e cantar de cego.
Todo iso acompañado por música en directo, con cantigas populares vinculadas á súa vida e obra.
A proposta forma parte da programación do Ano Castelao no Museo de Pontevedra, que conmemora o 75 aniversario da morte do intelectual e artista.
Ao longo deste 2025, o Museo programou visitas guiadas, conferencias e espectáculos, ademais de difundir os recursos en liña, propostas didácticas e publicacións lanzadas desde a institución.
Toda esta programación permite que persoas de todas as idades poidan achegarse a esa figura imprescindible da Galicia do século XX.