Miguel-Anxo Murado e María Varela recollen os premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo

Pontevedra
26 de outubro 2017

Dous novos xornalistas teñen nas súas mans xa os premios de xornalismo Julio Camba e Fernández del Riego, que entrega anualmente Afundación. Trátase de Miguel-Anxo Murado e María Varela, respectivamente, que recolleron os seus galardóns este xoves nun acto que se celebrou no Café Moderno de Pontevedra

Miguel-Anxo Murado e María Varela recollen os premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo
Miguel-Anxo Murado e María Varela recollen os premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo / Mónica Patxot

Dous novos xornalistas teñen nas súas mans xa os premios de xornalismo Julio Camba e Fernández del Riego, que entrega anualmente Afundación. Trátase de Miguel-Anxo Murado e María Varela, respectivamente, que recolleron os seus galardóns este xoves nun acto que se celebrou no Café Moderno de Pontevedra.

O XXXVIII premio de xornalismo Julio Camba foi para Miguel-Anxo Murado polo artigo El cedazo de los días, publicado en La Voz de Galicia o 31 de decembro de 2016, e o XIV premio de xornalismo Fernández del Riego a María Varela polo texto Cóxegas e tortas, aparecido en Diario de Pontevedra o 29 de abril de 2016.

Ambos os artigos pódense ler no folleto editado por Afundación.

O texto galardoado de Miguel-Anxo Murado fai referencia á data na que os medios adoitan realizar unha recompilación dos acontecementos máis destacados do ano, definíndoa como unha especie de Aleph borgiano, que lle permitía reflexionar sobre a condición cíclica da historia e a reacción do ser humano ante este feito. 

No artigo de María Varela, a autora debulla os pormenores da maternidade e reflexiona sobre a confluencia de dous sentimentos opostos, o egoísmo e o altruísmo, que se reproducen nesta situación.

Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.

Durante o acto de entrega, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, destacou que os dous galardoados a través dos seus textos, "moven as nosas conciencias, promovendo o noso espírito crítico, axudándonos a pensar e a emocionarnos".