A xornalista María Varela, xefa de redacción do Diario de Pontevedra, será a pregoeira das Festas da Peregrina.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Festas, Carme da Silva, destacaron na súa presentación que é o segundo ano consecutivo no que unha muller abrirá a Semana Grande de Pontevedra. Unha circunstancia que non é casual.
"É un acerto", dixo Lores, porque "representa o dinamismo, a viveza, a capacidade de crer no futuro desta cidade" uns valores que o goberno local quería resaltar coa súa elección.
Carme da Silva explicou que "para nós foi importante que aceptase ser pregoeira pola súa condición de muller e nai, pola súa condición de xornalista en postos de responsabilidade e pola súa defensa do galego". Ademáis salientaron que María Varela foi galardoada co premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego 2017 por un artigo escrito na nosa língua.
"Síntome moi abrumada, moi halagada e moi agradecida", dixo María Varela, que adiantou que o seu pregón estará "cheo de agradecementos e de agarimo" e que tratará "que estea á altura da cidade e dos pontevedreses" pero "ainda non por sei onde vou tirar".
Lucense de nacemento, María Varela asegurou que "sinto esta cidade como miña" xa que "me abriu as portas dende o primeiro día que cheguei" hai xa 20 anos. "Aquí naceron os meus fillos, aquí estou desenvolvendo o meu traballo e aquí fago toda a miña vida, e non quero cambiar, teño claro que é o meu sitio e a miña cidade", destacou.
Ademáis co seu pregón desde o balcón do Pazo de Mugartegui o próximo 11 de agosto se dirixirá a cidadanía "representando ás mulleres xornalistas que intentamos dar voz e visibilizar a outras mulleres".