Minutos antes do inicio do acto de apertura das Festas da Peregrina, un grupo de axentes da Policía Local liderados polo sindicalista de CC.OO., Antonio Millares, despregaba na praza da Pedreira unha pancarta reclamando unha solución ao seu conflito laboral que manteñen co Concello de Pontevedra .A continuación facían soar as súas bucinas competindo coa música de unha charanga, encargada de amenizar a celebración da lectura do pregón e do lanzamento do chupinazo de inicio da Semana Grande da Peregrina.
Baixo un sol de xustiza e ante máis de 200 persoas, a xornalista redactora xefa do Diario de Pontevedra, María Varela, saía ao balcón do Pazo de Mugartegui acompañada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba; polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira de Festas, Carme da Silva, que presentaba á pregoeira deste ano ante o estrondo que exercían os axentes policiais. Nas xanelas do Pazo de Mugartegui dábanse cita diferentes representantes dos partidos da corporación municipal.
María Varela relatou a súa primeira visita a Pontevedra e o seu recordo trasladábase ás festas de hai preto de 20 anos, entre charangas, ambiente de "troula" e unha fonte ao redor da que bailaba coas súas amizades. Meses máis tarde regresou á cidade no inicio da "era da peonalización". A terceira vez que chegou a Pontevedra fíxoo cargada cunha maleta e con toda a ilusión do mundo. A redactora xefe fixo referencia aos seus colegas xornalistas, unha profesión tan cuestionada como necearia hoxe en día, sinalou. E foi narrando experiencias con autoras como Fina Casalderrey, con María Vitoria Moreno ou con deportistas como Teresa Abelleira, Támara Echegoyen ou Tere Portela.
Destacou que de Pontevedra gústalle que é unha cidade que aos poucos vai namorando e que é sempre viva. Por último fixo referencia á importancia das mulleres e a elas dedicou un brinde "polas que están e polas que non están". A continuación, o alcalde acendeu o foguete que marca simbólicamente o arranque destas festas e miles de papeis de cores saltaron polo aire provocando o entusiasmo dos máis pequenos. Na praza tamén se atopaba unha pena taurina que acudiu cunha gran pancarta con dous touros debuxados, ademais de agrupacións folclóricas como Dúos Pontes.
Durante o acto oficial de celebración no interior do Pazo, a preguntas dos xornalistas, Miguel Anxo Fernández Lores restou importancia á protesta dos axentes policiais sinalando que a maioría dos veciños de Pontevedra e tamén dos funcionarios municipais están a celebrar as festas. "Hai tempo para todo. Hai medidas e medidas", afirmou sinalando que mentres a xente leva case dous meses gozando dunha cidade que se atopa "de bote en bote, outra xente se dedica a defender os seus privilexios persoais pero iso non é o que entenden os cidadáns, que saben que cando toca funeral, toca funeral e cando toca alegría, toca alegría. Eu creo que se equivocan pero non vou entrar", concluíu afirmando que xa se temían que estas accións de protesta puidésense levar a cabo durante estes días.