Miriam Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño levan a súa poesía ao Pazo provincial

Pontevedra
28 de marzo 2026
Actualizado: 13:55

Mulleres de Palabra(s) nace coa intención de crear lugares de diálogo e participación arredor da lectura, promovendo a escoita compartida, a conversa e a reflexión desde unha perspectiva de xénero

Mulleres de Palabra
Mulleres de Palabra /

O Pazo provincial converteuse este sábado nun espazo de encontro coa palabra feminina coa estrea de Mulleres de palabra(s), a segunda edición dun programa impulsado pola Deputación que pon o foco nas voces das escritoras, tanto históricas como actuais.

A iniciativa nace coa intención de crear lugares de diálogo e participación arredor da lectura, promovendo a escoita compartida, a conversa e a reflexión desde unha perspectiva de xénero.

A xornada inaugural tivo como protagonistas tres figuras destacadas da poesía contemporánea: Miriam Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño, as últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía.

A cita, organizada con motivo do Día Mundial da Poesía, celebrado o pasado 21 de marzo, combinou diálogo e recital, permitindo ao público achegarse tanto ás súas creacións como ás súas visións sobre a escrita.

Este ciclo forma parte do Ateneo Provincial pola Igualdade e busca dar maior visibilidade ao papel das mulleres en ámbitos como a cultura, a arte ou a ciencia. A programación estenderase por sete concellos da provincia ao longo dos vindeiros meses, cunha oferta diversa de actividades.

Entre elas destaca o obradoiro de lectura poética que impartirá Dores Tembrás todos os xoves de abril no Edificio Administrativo da Deputación.

Xa en maio, será a quenda de Arantza Portabales, que participará nun encontro co público no Auditorio municipal de Marín.

En xuño, Andrea Fernández Plata levará a súa proposta creativa á Lama cun taller de cerámica no espazo da Fundación Ofirvida.

Tras a pausa estival, o ciclo retomará a súa actividade en setembro no Palacete das Mendoza cunha proposta que mestura poesía e música: “Escribir e cantar: a música das palabras”, a cargo da poeta Antía Otero e da cantante Guadi Galego.

O peche chegará o 17 de outubro, coincidindo co Día das Escritoras, cunha sesión de lectura protagonizada por María Sánchez.