'Miss Ledyia', a primeira ficción do cinema galego, regresa a Pontevedra cen anos despois

Pontevedra
28 de febreiro 2016

Cen anos despois, o Teatro Principal de Pontevedra volverá a acoller a proxección da película Miss Ledyia. Xa o fixo o día da súa estrea, alá polo ano 1916. Todo un fito, pois esta película está considerada como a primeira obra de ficción do cinema galego

Fotograma da película "Miss Ledyia", a primeira ficción do cinema galego
Fotograma da película "Miss Ledyia", a primeira ficción do cinema galego / Centro Galego de Artes da Imaxe

Cen anos despois, o Teatro Principal de Pontevedra volverá a acoller a proxección da película Miss Ledyia. Xa o fixo o día da súa estrea, alá polo ano 1916. Todo un fito, pois esta película está considerada como a primeira obra de ficción do cinema galego.

Así, esta obra realizada polo pioneiro vigués José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro, poderase ver de novo no teatro pontevedrés o próximo venres 4 de marzo, a partir das oito da tarde.

O acto, que estará presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, contará con distintas intervencións institucionais e coa participación do catedrático xubilado de Historia do Cine Ángel Luis Hueso, quen realizará un achegamento ás características e á transcendencia deste filme.

Ademais, o pianista Nani García actuará en directo para poñer a música de acompañamento á proxección.

Miss Ledyia, que chegou ata os nosos días grazas aos materiais conservados polo Museo Provincial de Pontevedra e restaurados por Filmoteca Española e polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), reflicte espazos como o Gran Balneario da Toxa, as ribeiras do Lérez, Monteporreiro, Portosanto ou A Caeira, para recrear as peripecias de Miss Ledya, sobriña do multimillonario Míster Kazton na súa viaxe a Galicia en febreiro de 1916.

A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura Alfonso R. Castelao, quen encarnou o pastor protestante que na secuencia final porta unha arma para deter o anarquista Ruskin.

Outros nomes que participaron na interpretación foron Fausto Otero, Mariña Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Isidoro Millán ou Blanco Porto.

Cunha duración de apenas 20 minutos, filmada en branco e negro con puntuais virados, máis alá do seu valor cinematográfico, a obra destaca por ser o testemuño da temperá dinámica creativa que sobre a sétima arte existía en Galicia.  

No acto do próximo venres tamén se proxectarán outros materiais da época recuperados polo CGAI, como son Botadura do acorazado Alfonso XIII, de 1913; e O Ano Santo en Compostela, de 1915.