Mon Laferte e Hens, primeiras confirmacións nas Festas de San Roque de Vilagarcía

O Salnés
02 de xuño 2022

A cantante e compositora chilena actuará o domingo 14 de agosto na Xunqueira e o trapeiro segoviano, o venres 12 no mesmo escenario. A entrada é libre e de balde en ámbolos dous concertos

Hens e Mon Laferte actuarán nas Festas de San Roque de Vilagarcía
Hens e Mon Laferte actuarán nas Festas de San Roque de Vilagarcía / Hens y Mon Laferte

A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía vén de anunciar os primeiros concertos do programa de San Roque 2022. O primeiro prato forte das festas será a actuación da cantante, música e compositora Mon Laferte, que actuará no Parque da Xunqueira a noite do domingo 14 de agosto.

Destinado a un público máis novo, o trapeiro segoviano Hens será o protagonista do concerto do venres 12 de agosto. 

En ámbolos dous casos e como é tradición nas festas de Vilagarcía, a entrada aos concertos é de balde.

MON LAFERTE

Mon Laferte é a artista chilena máis escoitada en Spotify en todo o mundo e a artista chilena con máis nominacións (sete) nunha mesma edición dos Latin Grammy Awards. É coñecida pola súa versatilidade musical, xa que compuxo e interpreta cancións nunha gran variedade de xéneros como pop, rock, bolero, cumbia, balada, ska, heavy, reagge ou salsa. A artista chegará a Vilagarcía despois dunha xira de verán por México e outros países latinoamericanos na que está presentando o seu último disco 1940 Carmen, un álbum con sons alternativos, escrito e producido enteiramente por ela mesma.

HENS

Hens salta á escena musical en 2017 formando parte do grupo Go Romeo. En 2019, o trapeiro lanza o seu primeiro tema en solitario "Tu historia y la mía" e con Pole o "Batmóvil", tema cuxo remix xunto a Pole e Finzo&Baby Loud conseguiu o certificado de Disco de Ouro e co que permaneceu no top das cancións máis escoitadas en Spotify durante moitos meses. 
Hensito é o título do seu primeiro álbum. Publicado en 2021, na primeira semana do lanzamento entra entre os 25 discos máis escoitados de España, no top 15 dos máis vendidos e logra máis de 4 millóns de escoitas en Spotify.