"Aquí non chega", unha exposición sobre a Festa da Auga a través das súas camisetas

O Salnés
24 de xuño 2022

O Concello de Vilagarcía está a preparar esta exposición e fai un chamamento aos cidadáns para que cedan temporalmente as súas prendas máis divertidas. Os interesados en participar poderán facelo dende o vindeiro luns e ata o 11 de xullo

Festa da Auga
Festa da Auga / Diario de Arousa

O Concello quere celebrar a volta á normalidade, tamén no eido festivo, cunha exposición que pretende ser unha reivindicación do seu evento máis coñecido e querido: a Festa da Auga, o 16 de agosto, día de San Roque.

Baixo o título "Aquí non chega!", un "grito de guerra" interxeracional, a Concellería de Cultura quere reunir o maior número posible de camisetas conmemorativas para reunilas nunha mostra na que se fará un percorrido por este evento que, con apenas 40 anos, xa se converteu nun referente nacional e mesmo internacional. A exposición poderá contemplarse durante todo o mes de agosto na sala Rivas Briones.

Con tal motivo, dende o Concello faise un chamamento público para que todos aqueles -sexan veciños de Vilagarcía ou non- que queiran ser partícipes da mostra cedan temporalmente as súas prendas máis divertidas, posiblemente cheas de bos recordos, para configurar esta mostra.

De entrada, o Concello xa dispón de todas as camisetas conmemorativas que durante moitos anos elaborou a denominada Comisión da Festa da Auga, da man de diversos deseñadores. Do que se trata agora é de sumar as que realizaron diversas cuadrillas ou grupos de amigos a título particular: os seus lemas, normalmente moi ligados á actualidade do momento, constituirán un relato de como evolucionou a festa nestas catro décadas, pero tamén a propia sociedade.

O procedemento de participación é ben sinxelo. O prazo para a cesión das camisetas comezará o vindeiro luns, 27 de xuño, e rematará 15 días despois, o 11 de xullo. Tanto na web municipal coma no propio auditorio, sede da Concellería de Cultura, está dispoñible unha sinxela ficha na que o cedente indicará de que ano é a camiseta, se formou parte dun grupo ou "peña", e os seus datos de contacto.

As únicas condicións son que as camisetas deben estar ben conservadas e limpas e que non conteñan mensaxes ou imaxes que sexan discriminatorias, ofensivas ou promovan calquera tipo de violencia. Unha rematada a mostra, a principios de setembro as prendas serán devoltas os seus propietarios.

O regreso da Festa da Auga, como o resto da programación das Festas de San Roque, declaradas de interese turístico nacional, serán obxecto doutras accións promocionais, que inclúen a utilización de valados publicitarios e as principais marquesiñas de autobús.