O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá dende o vindeiro 24 de setembro ao 10 de xaneiro de 2021 a súa primeira monografía antolóxica sobre o artista ourensán Xaime Quessada.
Esta exposición, a última grande prevista polo Museo para este ano, é unha mostra comisariada por Pilar Corredoira na que exhibirán máis de medio cento de obras realizadas ao longo de cinco décadas de actividade creadora e na que se reflicten dúas das características máis outorgadas ao autor: liberdade creativa e compromiso social.
Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, esta mostra terá unha grande significación e importancia dentro da traxectoria expositiva do Museo de Pontevedra, xa que ademais de ser unha monográfica e antolóxica dun pintor chave na historia artística galega, con ela estréase a nova imaxe corporativa da institución pontevedresa presentada publicamente o pasado mes de xullo.
A idea da expo é ofrecer un percorrido coherente e unha "lectura nítida e enriquecedora" do autor. Dentro do itinerario proposto móstranse aquelas obras temperás, de finais dos anos cincuenta; as da década dos sesenta que xa revelan o artista batallador, viaxeiro e culto, e a elas engádenselles novas creacións que irán definindo as transformacións estilísticas e temáticas que teñen lugar nos anos seguintes, á vez que se afianza a súa linguaxe.
Veranse os traballos de Quessada arredor da tradición española, o pop art, o clasicismo, a figuración esquemática, o cubismo e poscubismo; as series da música e danza e o que el denominará a "metamorfose dos estilos" aplicada ás composicións paisaxísticas, ás escenas de interiores e de figuras.
Tamén se porán de manifesto os conflitos que marcaron a historia recente do mundo e que o artista viviu con grande intensidade deixando a impronta desas impresións na súa obra. Asuntos de extrema gravidade que lle afectaron á sociedade global nos últimos cincuenta anos –como a IIGM, Vietnam, Kosovo, Ruanda, Timor, Chenchenia, Etiopía, o 11S e Agfanistán…-, narrados desde unha particular visión crítica e áspera, non exenta de sensibilidade.
Por outra banda, incidirase en que unha cuestión salientable na obra de Quessada é Galicia, unha terra natal que estará sempre presente no ánimo do artista e formará parte dos seus anhelos desde o principio da súa carreira.