Mostra de mantóns antigos para que os estudantes coñezan a riqueza etnográfica galega

Pontevedra
19 de novembro 2022

O Salón de Actos do Edificio Azul da Xunta de Galicia da Rúa Benito Corbal acollía unha conferencia de José Luis Rodríguez Álvarez, da Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra, destinada a 60 estudantes dos ciclos de Formación profesional de 1º e 2º Ciclo Superior de Patronaxe e Moda e de 1º e 2º Ciclo Medio de Confección e Moda, do Instituto CIFP Manuel Antonio de Vigo

 'O mantón de Manila na indumentaria tradicional de Galicia', conferencia e mostra de Sete Espadelas
'O mantón de Manila na indumentaria tradicional de Galicia', conferencia e mostra de Sete Espadelas / Asociación Etnográfica Sete Espadelas

Unha conferencia sobre 'O mantón de Manila na indumentaria tradicional de Galicia' sorprendeu a sesenta estudantes dos ciclos de Formación profesional de 1º e 2º Ciclo Superior de Patronaxe e Moda e de 1º e 2º Ciclo Medio de Confección e Moda, do Instituto CIFP Manuel Antonio de Vigo.

José Luis Rodríguez Álvarez, da Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra explicaba as particularidades destes panos e mostraba unha vintena de mantóns antigos chineses do século XIX e comezos do XX de diferentes épocas achegándose aos do Imperio de 1820, os Isabelinos de mediados do século XIX e os renacentistas de 1900.

Sinalaba Rodríguez Álvarez que se trata de auténticas xoias conservadas no tempo e que chegaron a Galicia desde a China, vía Manila, para incorporarse á indumentaria tradicional. 

Tamén se mostraron caixas de madeira de palma policromadas en ouro e con incrustacións de madreperlas e marfil policromado que servían de embalaxe para os panos en travesías do Galeón de Manila e a Frota das Indias que chegaron a Galicia, incorporándose a etnografía tradicional.