O Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo inaugurou a exposición Mulheres, unha retrospectiva da esencia das mulleres do rural, plasmadas a través do foco sensible da fotógrafa e escritora lucense Mercedes Vázquez.
A exposición poderá visitarse até o próximo 30 de xullo, en horario de 9 a 22 horas.
Na súa apertura, a autora describiu estes retratos como o "froito dunha emoción atopando as poucas mulleres que aínda quedaban na raia", dun lado e do outro das terras fronteirizas entre Galicia e Portugal.
Ademais, Vázquez destacou que na mostra tamén se exhiben imaxes realizadas noutras localidades galegas, como a Serra do Courel.
O resultado son o medio centenar de imaxes que se expoñen en Sanxenxo, pero que segundo a fotógrafa "poderían ser moitas máis".
O presidente da entidade, Paco Hernández, subliñou que todas estas mulleres "poderían ser perfectamente as nosas nais ou as nosas avoas".
"Son o reflexo de toda unha época, aínda moi recente, que describen perfectamente a dureza do traballo no campo", sentenciou.
Esta exposición xa ten un amplo percorrido desde que se inaugurara no ano 2018 en Petín (Ourense).
Foi grazas á intervención do director de cine Ignacio Vilar, que a levou á súa aldea cativado polos rostros testemuñais destas mulleres.