A Casa do Sear, en Bordóns, acolleu este venres o acto de entrega das bandeiras e distintivos Q de Calidade Turística e S de Sustentabilidade.
Foi nunha cita que reuniu a representantes institucionais e do sector turístico galego para pór en valor o peso crecente da certificación como aceno de identidade do destino.
O acto estivo presidido polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), Fernando Fraile.
A xornada subliñou o papel da calidade e a sustentabilidade como eixos estratéxicos do modelo turístico.
Sanxenxo conta actualmente con 60 distintivos Q de Calidade Turística, o que o consolida como un dos municipios de referencia en España neste ámbito. Deles, 19 corresponden ao sector público e 41 ao sector privado.

No ámbito público, o recoñecemento distribúese entre 17 praias, a oficina de turismo e o complexo Nauta Sanxenxo.
No sector privado, as certificacións abarcan unha adega, 27 aloxamentos, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Club Náutico de Portonovo, tres axencias de viaxes e oito restaurantes.
No conxunto da provincia de Pontevedra, o número total ascende a 163 distintivos Q de Calidade Turística.
Durante a súa intervención, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou a importancia de apostar pola calidade e a sustentabilidade para logar o éxito dun destino turístico, subliñando que o municipio leva anos traballando nesta liña desde o ámbito público e privado, "sendo xa un referente".
Así mesmo, animou a máis establecementos a sumarse a estes selos, que achegan "un valor engadido ao destino a través dunha calidade certificada".
Sanxenxo suma tamén 11 distintivos S de Sustentabilidade Turística, dos cales dous corresponden á praia de Silgar e Nauta Sanxenxo, no sector público e nove ao sector privado, repartidos entre tres aloxamentos, dous clubs náuticos, dous restaurantes e dúas axencias de viaxes.
Na provincia de Pontevedra contabilízanse en total 52 establecementos con este distintivo.
Estas certificacións apóianse na especificación UNE 0083:2024, un estándar que, segundo destacouse no acto, converteuse na única marca de sustentabilidade turística que cumpre actualmente cos requisitos da directiva europea sobre Green Claims, orientada a combater o ecobranqueo.
O sistema esixe auditorías externas independentes e o cumprimento de normas públicas e verificables.
Pola súa banda, a Q de Calidade Turística baséase na norma internacional UNE-ISO 13009, aplicada a praias e portos deportivos, que establece criterios relacionados coa xestión de servizos como limpeza, seguridade, salvamento, primeiros auxilios, información, accesos ou equipamentos de uso público.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, destacou durante o acto que Galicia alcanza este exercicio un total de 429 certificacións turísticas, o que supón un incremento do 12% respecto ao ano anterior.
Neste contexto, a comunidade mantense como a segunda de España en número de certificacións Q de Calidade (321) e a terceira en certificacións S de Sustentabilidade (108).
