O BNG critica a "aberración" acometida na baranda de pedra do Paseo de Silgar

Sanxenxo
03 de xullo 2026

Segundo o BNG, a actuación supón unha alteración significativa da estética do paseo e representa "un impacto visual negativo"

Engadido de aceiro na balaustrada de Silgar
Engadido de aceiro na balaustrada de Silgar / Concello de Sanxenxo

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo criticou con dureza a intervención realizada polo goberno local no Paseo de Silgar, centrada na baranda de pedra desta contorna, que sinala coma unha "aberración".

A formación nacionalista acusa ao executivo encabezado polo alcalde Telmo Martín, de permitir a incorporación de elementos de aceiro nunha estrutura considerada parte do patrimonio urbano da vila.

unha mágoa e unha vergoña que unha das postais históricas de Sanxenxo pase a converterse no símbolo do feísmo", lamenta o BNG.

Segundo o BNG, a actuación supón unha alteración significativa da estética do paseo e responde a unha planificación inicial que, aseguran, xa contemplaba o uso de materiais metálicos pese ás declaracións contrarias do alcalde.

Os nacionalistas sosteñen que o resultado final representa "un impacto visual negativo" e critican o que cualifican como unha política urbanística baseada no "formigón e o aceiro".

A formación tamén reprocha ao goberno local a falta de transparencia no proceso. "Unha vez máis, o señor Martín vólvese rir da veciñanza e a mentir a todas e todos. De xeito descarado", asegura el BNG.

Neste sentido, consideran que a intervención finalmente executada confirma as súas sospeitas iniciais sobre a substitución ou modificación da balaustrada tradicional.

Desde o BNG lembran ademais que propuxeron alternativas menos agresivas para a contorna, como solucións que respectasen a estrutura de pedra orixinal e reducisen o impacto visual da actuación. Mais estas opcións non foron tidas en conta polo executivo municipal.

O grupo nacionalista conclúe que a actuación no Paseo de Silgar supón, ao seu entender, unha perda para a imaxe dun dos espazos máis representativos de Sanxenxo.

Insisten en que o modelo urbanístico aplicado polo goberno local do Partido Popular debería ser revisado para preservar o carácter histórico e estético da zona.

Engadido de aceiro na balaustrada de Silgar
Engadido de aceiro na balaustrada de Silgar   Concello de Sanxenxo