Motivos de saúde dun dos actores da compañía Talia Teatro obrigaron a suspender a función da obra Foucellas prevista para este xoves 3 de novembro no Teatro Principal.
Era a nova cita dos espectadores pontevedreses co ciclo Ponteatro e quedou aprazada ata novo aviso, pois non se puido establecer aínda unha nova data para a súa representación.
A obra Foucellas está ambientada no 1952, cando un maquis, un dos últimos guerrilleiros do monte, dos que a xente adoitaba chamar un "foucellas", atraca e secuestra un labrador e á súa muller. Protagonizada por Artur Trillo, Toño Casais, Dani Trillo e María Ordóñez, Foucellas é unha peza escrita e dirixida por Cándido Pazó que reflexiona sobre o papel da resistencia antifranquista a partir desta figura tan coñecida.