A mostra de cine MAC Marín renderá homenaxe este agosto a Mabel Rivera

Pontevedra
12 de xullo 2025

A homenaxe, o 23 de agosto, inclúe a proxección do documental 'Altri Non, a batalla definitiva', que denuncia o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. Haberá un coloquio posterior

A actriz Mabel Rivera FICBUEU

O festival Marín de Cine – Club Audiovisual homenaxeará nesta edición 2025, prevista para o vindeiro mes de agosto, á actriz Mabel Rivera.

A homenaxe terá lugar en Marín o día 23 de agosto e inclúe a proxección do documental Altri Non, a batalla definitiva, no que a propia Mabel Rivera participa como produtora executiva e narradora.

A actriz presentará esta peza, que denuncia o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, nun coloquio posterior, acompañado de charlas informativas e outras actividades.

Dani Antelo, organizador da Mostra, explica que este recoñecemento vai máis alá dunha figura artística, "para nós, Mabel representa o compromiso con Galicia".

"A súa implicación nesta edición non se limita a recoller un premio: participa activamente na defensa do territorio e un modelo respetuoso coa forma de vida das xentes do país. Eu son neto de labregos, sei ben o que se reivindica no documental", explica Antelo.

A organización destaca que é unha das grandes figuras da escena galega, cunha traxectoria exemplar que abrangue máis de catro décadas no teatro, cine e televisión. Recoñecida por papeis memorables en series como Pratos combinados ou películas como Mar adentro.

Destacan dela que "representa unha xeración de artistas que asentaron os cimentos do audiovisual galego actual".

Marín de Cine tamén quere facer pública a súa decisión de non aceptar fondos procedentes do chamado Plan Ence, malia que desde o Concello se lles ten ofrecido a posibilidade de acollerse a este tipo de axudas para sufragar os gastos do certame, que non quedan totalmente cubertos co patrocinio municipal.

Desde o Club Audiovisual non se cuestiona que outras entidades locais opten por este financiamento, pero sinalan que eles prefiren "manter a coherencia coa nosa programación".

CICLO MESTRE MATEO

Esta edición da mostra acollerá o Ciclo Mestre Mateo, un proxecto impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, que ten por obxectivo ofrecer á cidadanía unha programación audiovisual de calidade e produción galega.

Unha parte significativa das longametraxes e curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo 2024 serán proxectados dentro da Mostra: a longametraxe de ficción As Neves, dirixida por Sonia Méndez; a longametraxe documental Salvaxe, dirixida por Emilio Fonseca; ou a curta de animación Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro, entre outras pezas.