Musa Hadid, alcalde de Ramallah, protagonista do xoves no ciclo Amal en Ruta

Pontevedra
07 de setembro 2023

O ciclo de cine euroárabe 'Amal en Ruta Pontevedra 2023' continúa este xoves 7 de setembro coa proxección do documental 'Mayor'. A proxección, prevista para as 21.00 horas no Teatro Principal, terá entrada de balde ata completar o aforo da sala. A cinta, dirixida por David Osit, vaise proxectar en versión orixinal con subtítulos en castelán

Fotograma do documental 'Mayor'

O ciclo de cine euroárabe 'Amal en Ruta Pontevedra 2023' continúa este xoves 7 de setembro coa proxección do documental 'Mayor', que segue os pasos de Musa Hadid, alcalde de Ramallah.

A proxección, prevista para as 21.00 horas no Teatro Principal, terá entrada de balde ata completar o aforo da sala.

A cinta, dirixida por David Osit, vaise proxectar en versión orixinal con subtítulos en castelán.

Como alcalde da capital de facto e centro cultural do estado palestino, Musa trata de deseñar e construír a cidade do futuro sen perder de vista a súa misión final: poñer fin á ocupación de Palestina.

David Osit é un director de cine criado nos suburbios de Nova York. En 2012 rodou 'Building Babel', película que deu inicio a unha carreira cinematográfica fortemente vinculada ao xénero documental. En 2020 rodaría 'Mayor', o seu filme máis ambicioso ata a data, co que conseguiu un notable recoñecemento de crítica e público.

Organizado polo Concello de Pontevedra e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Amal en Ruta é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal.

Este ciclo consta de tres ficcións e dous documentais e rematará este venres coa longametraxe de ficción 'You resemble me'.