O Museo acolle o encontro ‘Crear Pontes’ sobre residencias artísticas o 27 de novembro

Pontevedra
18 de novembro 2025

As xornadas reunirán referentes da cultura e da arte contemporánea, continuando o 12 de decembro en Ponteareas co intercambio de experiencias locais

Presentación de Crear pontes
Presentación de Crear pontes / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra será escenario o xoves 27 de novembro dunha xornada dedicada ao papel das residencias artísticas como motor de innovación e transformación cultural. ‘Crear Pontes’, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas.

Este evento está dirixido a artistas, xestores culturais e investigadores interesados no desenvolvemento de proxectos colaborativos e redes de profesionalización.

A programación nesta primeira sesión inclúe conferencias, mesas redondas e dinámicas grupais sobre redes de cooperación, saberes e profesionalización do sector.

Destaca a participación de especialistas como Verónica Santos (Cidade da Cultura), André Rodrigues (Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal), Eva Mejuto, Iria Vázquez e Laura Tabarés.

O proxecto apunta cara á crecente relevancia das residencias como espazo de experimentación, intercambio e investigación artística, impulsando alianzas internacionais co Museo de Pontevedra e institucións como Matadero Madrid ou a Fundación Walter Leblanc de Bruxelas.

Como continuación, o venres 12 de decembro terá lugar unha segunda xornada no espazo Artistea de Ponteareas, orientada ás boas prácticas, difusión e retorno das experiencias, coa participación de figuras como Ania González, Susana González, Mónica Maneiro e Sara Donoso.

As persoas interesadas deben inscribirse e consultar o programa completo no portal de Ponteareas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora