O Museo de Pontevedra acolle a xornada "Facedoras de Cultura"

Pontevedra
04 de xullo 2025
Actualizado: 16:31

Terán lugar no Edificio Castelao, poñendo a atención no papel fundamental que desenvolveron as mulleres nas relacións culturais producidas entre España e América ao longo do século XX

Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Instituto de Historia do CSIC organizan a próxima semana no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra "Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos".

As xornadas terán lugar entre os días 8 e 10 de xullo e nelas abordarase, desde unha perspectiva ampla e con especial interese nas artes visuais e sonoras, o papel fundamental que desenvolveron as mulleres nas relacións culturais producidas entre España e o continente americano ao longo do século XX.

O programa das xornadas articúlase arredor de tres liñas temáticas: o espazo transatlántico como contorna de mobilidade e intercambio durante o século XX, a experiencia de mulleres vinculadas a Galicia, e a valoración de creacións de artesanía ou prácticas artísticas en soportes non convencionais.

As xornadas contarán coa participación de persoas expertas como Gloria Cortés Aliaga, historiadora feminista da arte e conservadora do Museo de Belas Artes de Chile, ou as artistas transatlánticas Gloria García Lorca e Violeta Quispe.

Ademais dos relatorios, as xornadas inclúen un obradoiro coa ilustradora e autora de cómic Bea Lema, Premio Nacional de Cómic 2024, ou un concerto de Paulina y el Buscapié, liderado por Paulina Tenorio, cantante oaxaqueña de orixe galega.

"Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos" está dirixida a persoas con intereses culturais, históricos ou artísticos, así como a profesionais da creación artística e da xestión cultural ou museística, ademais de á comunidade académica con especial interese nos estudos transatlánticos e de xénero, que poderán participar de maneira presencial no salón de actos do edificio Castelao do Museo.

Poden solicitalo a través do sitio web do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC por medio dun formulario, ao que poden acceder tamén desde o portal do Museo de Pontevedra, así como consultar o programa completo.