O Museo revisa a iconografía de San Sebastián desde o gravado clásico até a actualidade

Pontevedra
29 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:17

A exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada', inaugúrase este venres 30 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, onde se poderá visitar até o 5 de abril

Exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada'
Exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada' / Deputación de Pontevedra

San Sebastián mártir é un dos santos máis representados da iconografía cristiá. De feito a súa figura case espida e atravesada por frechas fixérono atractivo para artistas de todas as épocas e dotárono de connotacións que o chegaron até a sitiuar como un referente do homoerotismo.

Con ese punto de partida enfócase a exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada', segundo explicaron os seus responsables nunha presentación previa.

A mostra inaugurarase este venres 30 de xaneiro ás 18.30 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, onde se poderá visitar até o 5 de abril.

Comisariada polo profesor Xosé Manuel Buxán Bran, artista e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e Natalia Fraguas Fernández, conservadora responsable dos gravados da colección do Museo de Pontevedra, a exposición reúne 77 gravados que van do Renacemento do século XVI até as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampa barroca dos séculos XVII e XVIII.

Isto complétase coa presenza da imaxe de San Sebastián na cultura e na sociedade actual a través de capas de libros, discos e revistas, deseños de camisetas, perfumes ou elementos publicitarios.

"Temos que aproveitar a sorte de contar cunha exposición que ten detrás anos e anos de traballo e de pensamento", explicou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez.

Exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada'
Exposición 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada'Deputación de Pontevedra

O proxecto expositivo xorde da investigación que o profesor Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco coa súa tese doutoral, titulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Ao longo dos anos, continuou cunha investigación que agora se presenta nesta exposición.

A sección máis extensa da exposición é a referida ao gravado, dividida en apartados que aluden ás diferentes maneiras de representar a San Sebastián: o martirio, só e espido, asistido polos anxos, na gloria...

A nómina de artistas presentes na exposición inclúe algúns dos nomes máis relevantes da estampa en Europa desde o século XVI até a actualidade. Predominan as obras procedentes dos principais centros de produción de gravado na época moderna: Países Baixos, Flandes, Italia e Francia, con figuras de importancia capital como Lucas van Leyden, Aegidius Sadeler II, Jacques Callot ou Simone Cantarini, pero tamén doutros espazos como España e Inglaterra, con Juan Antonio Salvador Carmona e John Baptist Jackson.

Tamén se poden atopar obras de expresionistas como Gottfried Graf, de Keith Haring, figura icónica do pop art e a arte urbana dos anos 80, e de artistas actuais, como a brasileira Ana Maria Pacheco e o galego Roberto González Fernández.

Todas as obras incluídas na mostra proceden de coleccións privadas, polo que 'San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada' pretende reivindicar a importancia do coleccionismo para a preservación cultural.