O Museo de Pontevedra reforzou a súa relación coa Fundación Walter & Nicole Leblanc. Foi durante unha visita que as súas responsables realizaron a Bruxelas.
Foi con motivo da inauguración da exposición de Oriol Vilanova, representante do pavillón español na próxima Bienal de Venecia, no marco de Europalia España.
Ambas as entidades avanzaron en novas liñas de colaboración, que se suman ao actual convenio de colaboración para realizar estadías de residencia no marco de Novos Valores, e exploraron futuros proxectos conxuntos.
Deste xeito, Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, acompañada de Agar Ledo, técnica de procesos de investigación da institución, mantivo unha reunión con Benedikt van diere Vorst e María Inés Rodríguez, presidente e directora desta fundación.
A visita concíbese como unha "oportunidade estratéxica", destaca o Museo, para ampliar a cooperación, tras máis de dous anos de estreita colaboración, incorporando novas iniciativas de investigación, produción e difusión artística a escala internacional.
Ademais, a comitiva pontevedresa aproveitou a ocasión para coñecer de primeira man a fundación, creada en 2006 como organización sen ánimo de lucro para estudar, preservar e promover o legado do artista Walter Leblanc.
Con sede en Bruxelas e unha colección de máis de 500 obras e documentos de arquivo, a fundación desenvolve proxectos de investigación e produce publicacións e exposicións en colaboración con académicos, artistas e institucións de todo o mundo.