Non haberá cambios no restaurante do Museo de Pontevedra. O establecemento, pechado ao público desde o pasado 30 de setembro, seguirá nas mans do cociñeiro pontevedrés Pepe Vieira.
Farao despois de gañar o concurso aberto pola Deputación de Pontevedra para buscar un novo inquilino para o local, situado nos baixos do edificio Sarmiento.
Vieira, que explotará a actividade de cafetaría e restaurante durante o seis próximos anos, prorrogables por outro catro, impúxose á outra empresa que se presentou a este proceso, Neapolis, liderada polo dono da pizzaría La Bella Napoli.
A empresa adxudicataria satisfará un canon anual de 26.000 euros máis IVE.
Como parte das obrigas da concesión, Pepe Vieira terá que executar unha serie de obras de reforma no local, que consistirán na mellora da accesibilidade en aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros.
Deberá facelas no prazo máximo de seis meses desde a recepción das autorizacións sectoriais e da licenza de obras e, en todo caso, dentro dos seis primeiros anos de contrato.
Os técnicos da Deputación estimaron en 75.527 euros máis IVE o custo desta actuación, que se amortizará mediante a redución do canon da concesión durante os primeiros seis anos.
O espazo para restaurante ocupa un superficie duns 160 metros cadrados e inclúe unha cociña completamente equipada. O espazo de cafetaría, no mesmo baixo, é de 168 metros cadrados, aos que hai que sumar a terraza situada entre os edificios Sarmiento e Castelao.
O novo contrato dará continuidade ao uso como cafetaría, terraza e restaurante que tivo o baixo do Edificio Sarmiento nos últimos dez anos.
Nun prazo de cinco días hábiles formalizarase a posta a disposición do local, a partir do cal comezará o período de explotación do establecemento.
Para o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, este restaurante "é unha peza máis dunha visión ampla do museo" e permite atraer novos públicos, prolongar a visita e, sobre todo, "integrar o museo na vida cotiá de Pontevedra".
"O desafío, está claro, é facelo sen interferir na súa función cultural", sostivo Domínguez, que defendeu que este proceso "non naceu dun capricho" senón dun procedemento "público, regrado e verificable" e que foi, engadiu, "xusto o contrario da arbitrariedade".