Dúas únicas empresas compiten por facerse coa concesión do restaurante do Museo no Edificio Sarmiento, onde estaba aberto hasta hai poco La Ultramar de Pepe Vieira.
O propio Pepe Vieira, recoñecido chef con dúas estrelas Michelin, é un dos dous interesados en xestionar este espazo. O outro, unha compañía denominada Neapolis FD S.L., con sede na praia de Silgar e que explota restaurantes de comida italiana.
Entre as súas referencias están o restaurante Sorrento, en Sanxenxo, e La Bella Napoli, en Pontevedra, segundo confirman a PontevedraViva fontes da Deputación de Pontevedra.
A explotación da cafetería e restaurante situados na planta baixa deste emblemático inmoble ofértase por seis anos prorrogables por outros catro máis.
Unha vez pechado o prazo de presentación de ofertas, nos próximos días, a mesa de contratación analizará tanto as propostas económicas como os criterios técnicos de ambas aspirantes.
Dende a administración provincial destacan que a decisión final basearase nun equilibrio entre creatividade e rendibilidade.
Así, o 49% da puntuación avaliará aspectos de xuízo de valor, como o concepto gastronómico, a identidade de marca, a integración co patrimonio do museo e o deseño dos espazos interiores e da terraza.
A Deputación aposta por unha proposta que ademais de articular un relato culinario "singular e plenamente coherente" co discurso do museo, presente un deseño integral dos espazos interiores e da terraza que realce o inmoble patrimonial como a experiencia do visitante.
Ademais, valoraranse a traxectoria do equipo humano, a estabilidade laboral, o estudo de mercado e a estratexia comercial.
O 51% restante da puntuación recaerá sobre criterios cuantificables, como o incremento do canon anual mínimo -fixado en 22.563,34 euros (IVE incluído)- e o compromiso coa implantación dun sistema de calidade turística UNE ou Q.
A empresa que resulte adxudicataria deberá realizar obras de mellora no local, cun investimento estimado de 75.527 euros máis IVE, que se compensará reducindo o canon durante os seis primeiros anos da concesión.
As actuacións previstas inclúen a mellora da accesibilidade nos aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros. Estas obras deberán executarse nun prazo máximo de seis meses desde a obtención das licenzas correspondentes.
O futuro restaurante ocupará uns 160 metros cadrados de superficie, con cociña totalmente equipada, mentres que a zona de cafetería contará con 168 metros cuadrados adicionais e unha ampla terraza situada entre os edificios Sarmiento e Castelao.
Con esta nova concesión, a Deputación busca dar continuidade á actividade hostaleira que durante a última década deu vida ao baixo do Sarmiento, reforzando a súa vocación como espazo aberto á cidadanía, onde cultura e gastronomía poidan seguir compartindo mesa.
