Música e poesía para conmemorar en Pontevedra o Día de Rosalía

Pontevedra
23 de febreiro 2022

A cidade de Pontevedra sumarase, como todo o resto de Galicia, ás celebracións do Día de Rosalía. Será, iso si, o venres 25 de febreiro, aínda que a efeméride adiantouse este ano a este 23 de febreiro, tras a revelación de documentos que fixan este día como o do seu nacemento

Laura LaMontagne & Pico Amperio
Laura LaMontagne & Pico Amperio / Son Estrella Galicia

A cidade de Pontevedra sumarase, como todo o resto de Galicia, ás celebracións do Día de Rosalía. Será, iso si, o venres 25 de febreiro, aínda que a efeméride adiantouse este ano a este 23 de febreiro, tras a revelación de documentos que fixan este día como o do seu nacemento.

O motivo esgrimido polo Concello é que así os actos en Pontevedra non coincidirán con outros actos institucionais e ampliarase o sentido e a idea da homenaxe un par de días máis.

O obxectivo ademais é programar os diferentes actos de xeito que se poida facilitar a asistencia do público e contribuír a que haxa unha maior percepción festiva.

O programa arrancará ás 17:30 horas, no parque de Campolongo, co obradoiro Figueiriñas que prantei, que estará organizado por Polo Correo do Vento e a música de Antón Ke. Trátase dunha actividade recomendada para nenas e nenos a partir de 3 anos.

Ás 19:30 horas, pola súa banda, haberá un concerto-recital con Laura LaMontagne & Pico Amperio, Zeltia Irevire e a poeta Luz Fandiño, na praza de San Xosé.

No caso de choiva, os actos previstos para este venres pasarán a celebrarse no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).