O Nadal volve debuxarse co nome de Faustino Ucha en Poio. O veciño e ex traballador municipal volveu doar unha obra en óleo ao Concello.
Con esta doazón, o Concello de Poio volve poñer en marcha a iniciativa 'O cadro solidario', coa que venderán papeletas polo municipio.
Os cartos que se recaden coa venda de papeletas serán destinados a un fin social.
Este ano recolle na súa pintura unha escea de dous homes apañando redes no peirao de Campelo.
O sorteo será o día 14 de xaneiro ás 11.00 horas no salón do centro social da Casa Rosada.
A concelleira Natividad Torres amosa o seu agradecemento por "un xesto tan xeneroso e que vai repercutir de xeito directo en moitas familias en situación de especial vulnerabilidade".
'NINGUNHA CRIANZA SEN XOGUETE'
O Concello mantén ademais en marcha a campaña solidaria 'Ningunha crianza sen xoguete', que busca garantir que todos os nenos e nenas de Poio poidan vivir estas festas con ilusión, sen que as dificultades económicas das súas familias lles impidan gozar da maxia e da alegría propias destas datas.
A campaña estará activa ata o 28 de novembro, período durante o cal as persoas interesadas poderán entregar xoguetes en bo estado, limpos e con todas as pezas.
Poderán entregarse en dous puntos habilitados polo Concello: no Pazo Besada, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, e na Casa Rosada, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.