Polo barrio de Eduardo Pondal, concretamente pola Rúa Doce de Novembro, comezaron os traballos de reposición de firmes das vías urbanas, rurais e industriais de todo o termo municipal de Pontevedra.
No marco deste "macrocontrato", que se reparten EC Casas e COVSA por máis de 4,4 millóns de euros, asfaltaranse 40 quilómetros lineais de vías, segundo destacou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Nunha visita aos traballos que se están desenvolvendo en Doce de Novembro, Fernández Lores, sostivo que se trata da actuación "máis ambiciosa" que o goberno municipal executou xamais para rehabilitar os firmes en todo o concello.
Así, actuarase sobre unha superficie superior aos 191.000 metros cadrados, "equivalentes a uns 28 campos de fútbol", engadiu o rexedor pontevedrés.
Os traballos, indicou o alcalde, "non se limitarán a botar aglomerado", xa que ademais da mellora da capa de rodaxe incluirán medidas de acougado de tráfico ou a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.

A actuación arrancou no tramo entre Eduardo Pondal e a Rúa das Hortas e seguirá, de maneira sucesiva por vías como José Malvar e o ámbito da ponte dos Tirantes.
Antes das Festas da Peregrina, traballarán, entre outras zonas, nas avenidas de Bos Aires, Uruguai e Corvaceiras, Cobián Roffignac ou a Praza de Galicia.
Xa tras o verán, este despregamento continuará por Alameda, Avenida de Vigo, San Pedro Alcántara, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza, Uxío Novoneira, gran parte das rúas do barrio da Parda, Monte Porreiro, O Burgo ou Estribela.
De forma paralela, os traballos iranse executando no rural, comezando desde o próximo 25 de xuño nas parroquias de Campañó e Salcedo; ou nos parques empresariais de O Campiño e O Vao.
Nestes dous polígonos a previsión é renovar o 100% da superficie rodada.
O prazo estimado para completar todas as actuacións é de catro meses e medio, sempre condicionado á evolución meteorolóxica, xa que o asfaltado en quente require que non chova nin faga baixas temperaturas.
Todos estes traballos coordínanse diariamente coa Policía Local para minimizar o impacto na cidadanía, regulando os peches e afeccións na mobilidade.
