Dúas empresas de Pontevedra, COVSA e EC Casas, serán as encargadas de executar as obras de mantemento da rede viaria que o goberno municipal incluíu nunha ambiciosa actuación valorada en máis de 4,4 millóns de euros.
Entre ambas, que ofertaron preto dun millón de euros menos do que figuraba como prezo de licitación, repartiranse os catro lotes nos que se dividiu este contrato.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que esta será o maior investimento realizado en materia de seguridade viaria e mantemento nestas vías municipais.
Todas as obras incluídas deberán estar executadas, como máximo, nun prazo de catro meses e medio, aínda que Fernández Lores recoñeceu que dependerá das circunstancias meteorolóxicas porque os asfaltados non se poden facer con frío e choiva.
Estes traballos suporá unha intervención integral en todo o municipio que abarcará a mellora dos firmes, o pintado das estradas, a renovación da sinalización vertical e horizontal ou a instalación de máis reductores de velocidade.

En total, actuarase sobre unha superficie de 191.304,5 metros cadrados, o que traducido a metros lineais suporá renovar preto de 40 quilómetros de firmes.
EC Casas será a responsable do lote centrado no centro urbano, por 1.139.371 euros, que incluirá 33 actuacións sobre unha sobre unha superficie de 49.977,3 metros cadrados.
As melloras chegarán a rúas neurálxicas como a Praza de Galicia, Sagasta, Alcalde Hevia e Iglesias Vilarelle, Alameda, Avenida de Vigo, Bos Aires e Uruguai, Eduardo Pondal, 12 de novembro, San José, Victor Said Armesto ou a rúa Marqués de Riestra, entre outras.
A elas súmanse Abundancia, Andrés Mellado, As Corbaceiras, Pai Gaite, San Pedro Alcántara, Cobián Roffignac, Diego Sarmiento Acuña, González Besada, José Malvar, Maruxa Mallo, Monteleón, Pintor Laxeiro, Rei Soto, Ricardo Portela, ou Sebastián González.
Os barrios e a zona periurbana tamén serán ámbito dos operarios de EC Casas, que executarán 16 actuacións por 1.108.375 euros, en ámbitos como os de Monte Porreiro, A Parda, Estribela, A Seca, Fontesanta, Ponte Muíños e O Burgo,
O terceiro lote, que inclúe os parques empresariais do Campiño e O Vao, será responsabilidade de COVSA, con dúas grandes actuacións por 1.072.004 euros que suporá renovar uns 43.806,3 metros cadrados de viarios.
COVSA, por último, recibirá 1.124.685 euros polas 46 actuacións que se farán no rural, nuns 50.857,2 metros cadrados, con obras en lugares de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Campañó, Mourente, Bora, Salcedo, Tomeza, Lourizán ou Lérez.